O Concello de Ferrol colabora con catro entidades para a reactivación comercial da zona urbana

Sinatura do convenio de colaboración
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta mañá os convenios de colaboración para a reactivación comercial do Centro de Ferrol, e dos barrios que conforman a zona Urban: Ferrol Vello e Canido. Así, as catros entidades implicadas neste programa de impulso do sector comercial que cooperarán coa Administración municipal son a Confederación de Empresarios de Ferrol (COFER), ACOF – Centro Comercial Aberto A Magdalena-, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol, e a Asociación de Profesionais Inmobiliarios do Noroeste (APIN). O Programa de Reactivación Comercial da Zona Urban pretende a captación e implantación efectiva de actividade empresarial nos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Canido.
Rey Varela explicou que esta iniciativa conta co respaldo de fondos europeos, subliñando que “o obxectivo do Urban no se cingue soamente a obras, senón que pretende a recuperación social do seu ámbito de influencia o que supón tamén a dinamización económica da cidade”. O rexedor municipal considerou fundamental a colaboración entre a Administración local e as entidades para ofrecer maiores posibilidades de implantación de negocios “sobre todo nestes momentos de dificultade en que os cascos históricos das cidades están vivindo un movemento de desprazamento cara outros contornos”, dixo. Ao fío disto, subliñou as liñas de axuda presentes no convenio de colaboración hoxe asinado e recalcou a importancia dos centros das cidades “onde naceu o comercio, a empresa e a vida das mesmas”, engadiu o rexedor municipal.
Outras medidas
Rey Varela lembrou outros eixes de actuación do Goberno Municipal para reordenar e contribuír á dinamización do centro da cidade. En concreto, referiuse ás novas ordenanzas de terrazas e estacionamento, así como á axilización dos trámites para a apertura de actividades mediante a implantación da declaración responsable e a comunicación previa. “Estamos dando pasos na regulación do espazo, e que isto poda favorecer a implantación comercial e residencial”, salientou o alcalde ferrolán.











