O Concello de Ferrol axiliza a entrega dos certificados de empadroamento
A Concellería de Participación Cidadá e Novas Tecnoloxías do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, informou esta mañá nun novo avance no proceso de implantación da Administración Electrónica. Esta mellora permite axilizar a entrega do certificado de empadroamento. Así e dende a xornada de hoxe, cando se solicita o certificado de empadroamento no Negociado de Estadística -situado no primeiro andar da Casa Consistorial-, este é expedido e entregado ao solicitante no mesmo momento. A diferenza do que ocorría ata agora, que o interesado tiña que desprazarse dúas veces ao Pazo Municipal, a primeira para solicitar o certificado e a segunda para recollelo tras un mínimo de 24 horas.
Esta mellora é posible grazas á incorporación do chamado certificado electrónico, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, o que permite acelerar os trámites na expedición e entrega dos certificados de empadroamento. Así mesmo, a edil Aneiros Barros tamén lembrou que a través da páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado sede electrónica – Portal do cidadán-) as persoas que dispoñan de DNI electrónica ou certificado dixital poden obter o certificado e/ou volante de empadroamento así como presentar unha solicitude xeral.











