O Concello de Cedeira traballa no proxecto para implantar a Zona 30 no casco urbano
O Concello de Cedeira está a traballar no proxecto Cedeira Zona 30. Segundo avanzou o Alcalde, Luis Rubido, nas próximas semanas planteará aos grupos municipais, asociacións e colectivos da vila a implantación desta medida no casco urbano de cara a buscar o máximo consenso posible. Limitando a velocidade máxima a 30 quilómetros por hora, o Concello busca recuperar a rúa como lugar de encontro social, creando un entorno máis amable e afastado da presión do tráfico, asegurar a mobilidade e conseguir unha correcta convivencia entre vehículo e peón, garantindo os dereitos destes últimos. Deste xeito, Luis Rubido explica que Cedeira toma como exemplo a urbe de Pontevedra, a primeira de España en implantar a Zona 30 en toda a cidade, con moi bos resultados.
O Alcalde sinala que as actuacións levadas a cabo nos últimos tempos, e algunhas outras actualmente en marcha, seguen xa esta filosofía. Entre elas, a intervención realizada no paseo marítimo da Magdalena; en diferentes vías de encontro coa Avenida de Castelao ou a máis recente humanización de prazas e avenidas. Agora, engade que o Concello quere dar un paso adiante neste sentido. Os obxectivos fundamentais pasan por mellorar a calidade de vida do cidadán, recuperando a rúa como punto de encontro social; incrementar a seguridade vial; acadar unha maior calidade ambiental reducindo as emisións contaminantes e o ruido, consumo de combustible e mellorando a eficiencia enerxética, e promover a captación de novos veciños, con domicilio habitual ou segunda residencia. Obxectivos que levan parellos as Zonas 30 coa ventaxa engadida de que a súa implantación non supón un custe económico elevado, inasumible no actual contexto de crise.
O Concello, segundo explica o Alcalde, quere acompañar a implantación desta medida de outras de fomento do uso da bicicleta. E, entre estas, avanza a súa intención de pór en marcha un servizo de ciclos na vila con diferentes bases ubicadas en puntos estratéxicos.
Nesta liña, Luis Rubido tamén destaca que para a implantación de Cedeira Zona 30 será de vital importancia a implicación cidadá e, para isto, anuncia que nas próximas semanas exporá a iniciativa a colectivos, entidades e grupos municipais para recabar as súas aportacións e suxestións.
As Zonas 30 teñen a súa orixe nos anos 80 en países europeos como Holanda e Dinamarca. E, en España, Pontevedra constitúe un dos máximos referentes. Trátase dunha medida que avalan administracións como a Federación Española de Municipios e Provincias ou a Dirección Xeral de Tráfico; entidades como Ecologistas en Acción, Stop Accidentes, Andando e Conbici – asociacións que dende 2012 forman parte dun comité cidadán europeo que impulsa unha Iniciativa Cidadá Europea (ICE) neste senso- ou mesmo clubs de automobilistas como a Fundación RACC.











