O Concello de Carballo pecha o 2013 cun remanente de 6,6 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, veñen de dar conta en rolda de prensa do peche orzamentario do exercicio de 2013. Segundo Ferrero, o Concello cumpriu coa estabilidade orzamentaria requirida, ademais de con “todas as obrigas económicas e a regra do gasto”. A liquidación do orzamento, que debe presentarse oficialmente o 1 de marzo ante a administración do Estado, reflicte un remanente de tesourería positivo para gastos xerais de 6.627.338,71 euros, o que supón 1.557.192,82 euros máis que o exercicio anterior, en que foi de 5.070.145,89 euros. O Alcalde manifestou a intención de incorporar parte deste remanente para realizar melloras no municipio, ao igual que se fixera o ano pasado. Porén, a lei implica restricións respecto á natureza destas actuacións, que só poderán afectar a ámbitos como os saneamentos, o tratamento de lixo, o alumeado público, proxectos medioambientais, enerxía, comercio, turismo, transporte, investigación ou xestión do coñecemento, entre outros. Así, non se poderán realizar nin melloras urbanas nin adquisición de novos equipamentos. Por tanto, o Concello destinará parte do remanente a “solucionar posibles tensións de tesourería polo proxecto Anllóns-Bardoso”, así como a mellorar a eficiencia enerxética ou a continuar coas melloras en materia de saneamento e subministro de auga e coa promoción turística do municipio. Respecto doutras cifras que reflicte o peche do exercicio, a 31 de decembro de 2013 a débeda do Concello de Carballo con entidades financeiras ascende a 2.661.078,82 euros. Aínda así, o Alcalde quere subliñar que no que vai de ano téñense amortizado 633.000 euros, polo que nestes momentos a débeda é de 2.028.078,82 euros. Nos últimos anos o volume de endebedamento ten pasado do 46,29 por cento de 2001 ao 14 por cento ao peche de 2013, mentres que a carga financeira do Concello é dun 5,97 por cento. Atendendo á débeda por habitante, é de 84 euros por cada veciño ou veciña, sendo un 70 por cento inferior á media galega, de 278 euros, e un 88 por cento menor que a media estatal, que supón 755 euros por habitante. Ademais, o Concello fixo público, segundo marca a lei, o período medio de pago da débeda comercial do cuarto trimestre de 2013, que foi de 12,29 días.

Tanto o Alcalde como a Concelleira quixeron subliñar a “extraordinaria achega dos cidadáns de Carballo” á conta de recadación. Así, Ferrero resalta “as altísimas ratios de eficiencia”, especialmente “en época de crise”, que superan o 90 por cento en todos os impostos excepto no de vehículos, en que é dun 86 por cento, e no de lixo comercial, que é dun 84 por cento. Ademais, nalgunha das taxas superáronse os índices do exercicio anterior, e noutras, como no caso dos bens inmobles de características especiais, tense recadado o cen por cen do requirido. Para Evencio Ferrero, estes datos indican “que segue mellorando a saúde económica e rebaixándose a débeda do Concello”. E avanza algunhas das actuacións concretas que poderán realizarse co remanente, como a substitución das caldeiras de gas das piscinas municipais por outras de biomasa, programas de promoción turística ou afondar nas melloras no saneamento e subministro de auga.

14 de febreiro de 2014 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.