O Concello de Carballo participa nun proxecto para diminuír o impacto dos desastres naturais no Salvador
No Día Mundial da Radio, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Carballo, queren facer un recoñecemento ao gran potencial da radio como ferramenta de desenvolvemento, sobre todo nos países empobrecidos onde os niveis de analfabetismo e as dificultades nas comunicacións impiden un acceso efectivo da poboación aos medios de difusión. Exemplo da utilidade da radio é o proxecto de comunicación para o desenvolvemento que Agareso iniciou este ano en El Salvador e que aposta por aproveitar a capacidade dos medios comunitarios e da educación para o desenvolvemento para diminuír o impacto dos desastres naturais. Neste proxecto, que comezou en xaneiro grazas ao financiamento do Fondo Galego e dos municipios e deputacións que fan a súa achega a esta entidade -como o Concello de Carballo-, intervirase durante nove meses na zona do Bajo Lempa, impartindo obradoiros de sensibilización ambiental en once centros escolares e en tres colectivos comunitarios de protección civil. As tarefas de educación para o desenvolvemento serán executadas pola ONGD salvadoreña Cordes.
Nos obradoiros de concienciación e capacitación tamén se entregarán os materiais necesarios para que desde as propias escolas poidan executar tarefas de prevención de riscos, como por exemplo, evitar as inundacións que todos os anos afectan as súas infraestruturas. Todo este labor será complementado e amplificado por Radio Tehuacán (na imaxe), emisora comunitaria do municipio de Tecoluca, que a través das ondas ampliará a capacidade de sensibilización e formación cun programa especial semanal titulado ‘En contacto coa natureza’. O proxecto rematará coas actividades de sensibilización en Galicia nas que o alumnado de dez centros galegos poderá coñecer un pouco mellor, a través dun documental elaborado polo voluntariado de Agareso, as formas de organización comunitaria en El Salvador e como contribúe a mocidade do Bajo Lempa a resolver os problemas ambientais que lle afectan. Nestas actividades de concienciación procurarase non só que as mozas e mozos coñezan outras realidades, senón que reflexionen sobre que problemas prexudican as zonas nas que elas e eles viven e de que xeito poderían contribuír a solucionalos.











