O Concello de Cangas solicita tres iniciativas en materia de formación e emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Concellaría de Emprego do Concello de Cangas,  desde o centro municipal da Casa de Oficios Lorenzo Corbacho, ven de solicitar á Consellería de Traballo o financiamento necesario para poder poñer en marcha no municipio 3 iniciativas de formación e emprego de suma importancia para as persoas que se atopan desempregadas.

Enmarcadas no programa “Cangas Proxecto Emprego”, trátase de 3 accións de diferente natureza que teñen en común o estar enfocadas á mellora da empregabilidade e á procura da inserción laboral dos/as demandantes de emprego.

Una das solicitudes que presentou o Concello foi para poder desenvolver no municipio numerosas accións de Formación para o emprego, varias delas encamiñadas á obtención dun certificado de profesionalidade, pertencentes a especialidades moi diversas, entre outras: creación de empresas, comercio internacional, axente comercial, xestión administrativa, turismo, financiamento e xestión empresarial, educación ambiental, informática, etc.

Outra das solicitudes de subvención foi para poder desenvolver desde o Concello un Programa de Emprego no que participarían 100 persoas desempregadas e que tería como obxectivo primordial o intermediar coas empresas a fin de conseguir que os/as participantes poidan atopar un traballo. Estas xestións de inserción laboral se realizarían desde a Casa de Oficios durante o ano que tería de duración o proxecto, tendo ademais a opción os/as participantes de poder formarse en diferentes ocupacións, ben para perfeccionar coñecementos ou ben para iniciarse nunha nova profesión.

A terceira das peticións que enviou o Concello á Consellería de Traballo foi para poñer en marcha en Cangas un Obradoiro de Emprego no que se contrataría durante 6 meses a un total de 25 persoas desempregadas. Durante ese tempo os/as participantes recibirían formación e realizarían prácticas profesionais en Xardinaría ou en Atención a persoas dependentes (axuda no fogar), podendo obter ó remate do Obradoiro o correspondente certificado de profesionalidade.

O resultado destas solicitudes se coñecerá dentro de varios meses, en algunha das iniciativas probablemente antes do verán, confiando a Concelleira de Emprego, Berta Pérez, que a Consellería de Traballo da Xunta de Galicia sexa receptiva a estas peticións do Concello que, en ultima instancia, virían a axudar a boa parte das persoas que se atopan na procura dun traballo.

14 de febreiro de 2014 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.