O Concello de Cangas comeza a retirar os residuos depositados polos temporais na praia de Rodeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O Concello de Cangas procedeu ao longo da semana pasada a acometer as tarefas de limpeza e retirada de residuos da praia urbana de Rodeira así como nas dunas e no paseo marítimo que transcorre por este areal. As labores foron acometidas pola brigada municipal de limpeza baixo a coordinación da Concellería de Praias que continuará con estas labores a partir deste luns no areal de Areamilla para despois continuar coa praia de Liméns. O concelleiro de Praias Jesús Graña sinala que “con estas actuacións pretendemos limpar as praias do concello e o seu contorno, moi prexudicadas polos fortes ventos e o mar de fondo e as mareas vivas das últimas semanas que provocou a chegada aos areais de moitos residuos de todo tipo”. Por outra banda o edil non descarta repetir estas tarefas neste mesmo areal máis adiante xa que o último temporal que alcanzou as costas galegas estes últimos días volveu a deixar residuos na praia, “hai que ter en conta que parte destas tarefas de limpeza desenvólvense nas dunas dos areais, polo que debe ser realizado a man” aclara.

Esta semana, anunciouse tamén que dende os equipos técnicos da Xefatura Provincial de Costas estase estudando posibles fórmulas respectuosas co medio ambiente que permitan evitar que por culpa dos fortes ventos, a area das praias invadan os paseos marítimos, aparcadoiros e as estradas próximas.

O goberno local sinala tamén que esta semana procederase a inspeccionar por parte dos servizos municipais os diferentes areais do concello para facer unha valoración dos danos e tamén para establecer unha programación das tarefas de mantemento e limpeza das praias durante as próximas semanas.

16 de febreiro de 2014 | 11:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.