publicidade hoxe

O Concello de Caldas de Reis solicita á Xunta un obradoiro de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

O concello de Caldas de Reis decidiu solicitar á Consellería de Traballo e Benestar, a través de unha orde de axudas e subvencións, a concesión dun Obradoiro de Emprego coa fin de formar a maiores de 18 anos.

A decisión tomouse co obxecto de ofrecer unha alternativa laboral a veciños/as desempregados, especialmente a aqueles que se atopan con importantes dificultades para acceder ao mercado laboral.

Neste obradoiro tratarase de ensinar aos desempregados as competencias básicas dun oficio, combinando a formación teórica na aula coa formación practica, e a realización dun traballo real na execución dunha obra de interese xeral.

A formación será eminentemente práctica, pois baséase na metodoloxía de aprender traballando, para que ao seu termo estean capacitados para o desempeño adecuado dun oficio e lles sexa mais fácil o acceso ao mercado laboral.

O obradoiro de emprego terá unha duración de seis meses, e prevé empregar a un número de 12 alumnos/as traballadores/as, sendo o salario dos alumnos o mínimo interprofesional. A esta creación de emprego haberá que sumar o persoal contratado para a propia laboura formativa. Prevese que o obradoiro centre o seu desenvolvemento en actividades de xardinería, cantería e forestal.

Os alumnos contarán cun período de formación que se desenvolverá no Centro ocupacional “Rafael Blanco”, e unha parte práctica, que se materializará en distintos proxectos, en concreto: empedrado en Porto do Río, traballos de poda e descompactación na Carballeira, e mellora do paseo no contorno do río Umía a altura do instituto Aquis Celenis.

A intención do Concello de Caldas é que o Obradoiro se inicie, no caso de concesión, durante o mes de outubro.

7 de febreiro de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.