O Concello de Brión remitirá a Educación un informe para solventar as inundacións no ascensor do colexio de Pedrouzos
O Concello de Brión vén de elaborar un informe sobre o irregular funcionamento do ascensor do colexio de Pedrouzos, que inclúe unha proposta técnica para solventar os problemas de humidades e instalacións que manteñen inoperativo o ascensor escolar. Unhas actuacións orzamentadas en 2.100 euros (IVE non incluído) e que o delegado provincial de Educación se comprometera a executar durante a súa visita ao centro o pasado mes de xaneiro.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “aínda que non lle corresponde ao Concello asumir os custos derivados do problema do ascensor, xa que se trata dunha anomalía derivada dunha mala execución da obra por parte da Consellería, si quixemos atopar unha solución técnica rápida e efectiva ao problema, que agora trasladaremos aos servizos técnicos da Consellería”. Unha solución que suporía un investimento de 2.100 euros (+IVE) e tan só dúas semanas para a execución das obras.
Solución técnica
O arquitecto municipal de Brión adoptou a solución máis segura e que xa foi probada con éxito en obras anteriores. Así, procederíase ao baleirado con camión-cisterna da auga do foso co ascensor (1,5 m3) e posterior secado, por medios manuais, para deixar o foso sen presenza de auga. Despois procederíase a labores de limpeza e selado das fisuras e/ou gretas detectadas con “lechada” de morteiro hidrófugo, co obxectivo de reducir a entrada de auga do exterior.
Posteriormente tería lugar a impermeabilización da totalidade do foso (soleira e paredes laterais ata a altura dun metro) con morteiro hidrófugo expansivo sobre as superficies. Unha vez secada a impermeabilización, procederase a instalar un equipo de bombeo no fondo do foso (previa execución dunha arqueta no fondo, que servirá de recollida e de acomodo para instalar o propio mecanismo de bombeo). A instalación conectarase coa rede interior de saneamento máis próxima.
Dende hai un mes, o Concello de Brión está a realizar operacións de baleirado deste foso, pois a cantidade de auga que entra no mesmo é cuantiosa, pudendo encherse nun prazo de 3-4 días (1,5 m3). Isto provoca problemas de corrosión sobre os mecanismos, tal e como comprobaron técnicos municipais nunha visita realizada a pasada semana. Por iso, o Concello de Brión optou por elaborar este informe técnico, que será agora enviado á Consellería de Educación para que estuden o tema e validen a solución do bombeo.
O arranxo do ascensor do CEIP de Pedrouzos non entra dentro do programa de mantemento a realizar polo Concello de Brión, xa que se trata dunha anomalía derivada dunha mala execución no proceso construtivo do inmoble, polo que lle corresponde arranxalo á Consellería, tal e como admitiu o propio delegado durante a súa visita ao centro. O Concello de Brión espera que dende a Xunta de Galicia se cumpran o antes posible os compromisos adquiridos coa comunidade educativa de Brión e mantén o seu ofrecemento de total colaboración.
Así mesmo, compre lembrar que, aínda que o caso do ascensor merece unha atención especial, durante a devandita visita tamén se comprobou o estado defectuoso de partes do solado de goma instalado con motivo da ampliación do colexio, realizada pola Consellería de Educación, que dan lugar a distintos problemas de humidades que afectan tanto ao edificio orixinal como á propia ampliación.











