O Concello de Boiro acolle un novo programa de habilidades sociais
OBXECTIVOS XERAIS
-Crear un espazo formativo-activo en habilidades sociais, hábitos cotiás e do fogar que permitan ás persoas con discapacidade intelectual vivir da maneira máis autosuficiente posible dentro da súa comunidade.
-Potenciar a autoestima, as condutas adaptativas e a autodeterminación de maneira transversal por medio da realización independente das actividades da vida diaria, do fomento das relacións sociais e coa comunidade e da capacidade de elección e opinión.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
Promover o máximo nivel de independencia persoal.
Fomentar a adquisición de hábitos de comportamento autónomo orientados ás relacións sociais.
Potenciar e manter as capacidades cognitivas relacionadas co proceso matemático básico para unha maior autonomía no manexo da moeda e os cálculos relacionados.
Posibilitar as relacións interpersoais harmoniosas e o intercambio de opinións, traballando a capacidade de elección, a toma de quendas e o respecto mutuo.
Impulsar condicións que faciliten a integración na comunidade.
Promover o desenvolvemento activo das habilidades persoais, laborais e domésticas cara a consecución dunha vida o máis autónoma posible.
Consolidar hábitos de vida saudables en canto á alimentación e hixiene.
Facilitar o aproveitamento das posibilidades de ocio existentes e as ferramentas de cara á súa planificación.
BENEFICIARIOS
O programa vai dirixido a persoas con discapacidade intelectual ou cognitiva de grao entre leve e moderado do Concello de Boiro, maiores de catorce anos.
O número de participantes non excederá de 20, procurando unha paridade por sexo.
METODOLOXÍA
Este programa, que ten como obxectivo xeral crear un espazo formativo-activo, só concibe desenvolver as súas sesións dende o eido da participación e dinamismo, tendo presente cada unha das singularidades do suxeito partícipe da actividade.
Realizarase unha avaliación inicial individual daqueles usuarios de nova incorporación co fin de coñecer as capacitacións de cada un deles e poder adecuar o máis posible o contido do programa, facendo as adaptacións oportunas de seren necesarias. Do mesmo xeito, terase presente o coñecemento dos asistentes na ocasión anterior e da súa idiosincrasia.











