O Concello de Ames reporá 5.000 metros de cableado de alumeado público roubado nos últimos meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ames acometerá nas vindeiras xornadas a reposición de cableado do alumeado público que foi roubado nos últimos meses en diferentes puntos do municipio. En total, procederase á reposición de 4.660 metros de cable que supoñen un investimento para o Concello de preto de 5.000 euros. O aluminio é un material máis barato que o cobre e que resulta menos atractivo de cara a posibles roubos. O obxectivo desta reposición é asegurarlle o servizo de alumeado público á cidadanía que reside nestas zonas e empregar un material substitutivo que permita frear os roubos rexistrados, que orixinan problemas e importantes perdas ás arcas municipais.

Os técnicos electricistas da brigada de obras municipal levarán a cabo a reposición de cableado nas zonas de Quintáns, O Vilar (Ameixenda), estrada de Biduído a Agrela, estrada do campo de fútbol de Agrón, urbanización As Mimosas, zona verde de O Reguiño (Casanova), estrada de Outeiro a Bugallido, estrada de Trasmonte a Suevos, zona do colexio de Barouta, lugar de Covas, estrada de Raíces á Igrexa de Biduído, estrada de Burgueiros a Ponte Maceira, campo de igrexa de Trasmonte, estrada de Trasmonte a Carballo e na estrada de Costoia a Quistiláns.

Paralelamente a estes traballos de reposición, a Policía Local de Ames está desenvolvendo un dispositivo especial para tratar de localizar aos autores destes roubos. A preocupación por estes sucesos xa foi transmitida polo Concello na Xunta Local de Seguridade celebrada a finais do mes de xaneiro, unha xuntanza na que a Garda Civil informou do dispositivo que ten en marcha para a prevención e as labores de seguimento e investigación destes feitos, dando conta das últimas operacións na loita contra este tipo de delitos.

Con este mesmo obxectivo de frear o número de roubos, o Concello e a Policía Local fan un chamamento aos veciños do municipio para que alerten ás forzas e corpos de seguridade de calquera situación que lles poida parecer relevante. Os números de contacto son o 619767575 (Policía Local) e o 112. A finalidade é evitar, na medida do posible, que se produzan novos roubos. Na maioría das ocasións, estes sucesos xeran o corte da subministración eléctrica.

Aposta polo aforro enerxético

Na súa aposta polo impulso ao aforro enerxético, durante o último ano, o Concello de Ames, coa colaboración de Faepac (Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña,) levou a cabo a revisión dun total de 1.613 facturas do subministro eléctrico do municipio, correspondentes a 212 puntos de subministro. O Concello vén de recibir o segundo informe de Faepac correspondente á segunda metade do ano 2013. En total, nesta segunda fase analizáronse 671 facturas das que se detectaron medio centenar nas que o Concello podería solicitar a súa devolución por atoparse algunha incidencia ou incorrección na súa tramitación.

As facturas foron analizadas tendo en conta as lecturas realizadas en contador, o prezo da enerxía, a potencia contratada, a existencia ou non de penalización por reactiva, penalización por exceso de potencia e os quilovatios que foron facturados pola empresa subministradora. En base a toda esta información recompilada, o Concello de Ames levará a cabo unha auditoría enerxética que permitirá acadar aforros na facturación eléctrica anual municipal e, polo tanto, a optimización do consumo eléctrico.

5 de febreiro de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.