O Concello de Ames executará a reparación dun colector que provoca filtracións de augas fecais nun edificio de Bertamiráns
O Concello de Ames adoptou o acordo de optar pola execución subsidiaria das obras de reparación do colector principal de saneamento da Rúa Agrelo de Bertamiráns, sobre o que o construtor dun edificio realizou obras sen autorización municipal, xerando filtracións de augas fecais no garaxe e malos olores co conseguinte prexuízo para os residentes. Esta situación provocou as queixas dos veciños e veciñas e a imposición por parte do Concello de Ames de multa coercitiva ao construtor, que non foi atendida polo que se optou pola vía da execución forzosa. O Concello deulle traslado desta decisión tanto á comunidade de propietarios do inmoble como ao construtor. O custe desta reparación asumirao o Concello e repercutirallo ao construtor. As obras serán realizadas en canto baixe o nivel das augas do colector, moi elevado nestes dias debido ás condicións meteorolóxicas.
Deste xeito, o Goberno amiense está cumprindo con todos os trámites administrativos e legais que están na súa man para solucionar o problema rexistrado no edificio situado na rúa Agrelo de Bertamiráns. O Concello atendeu a petición dos veciños/as realizando un estudo pormenorizado da situación, pola que se incoou un expediente de reposición da legalidade e se remitiu requirimento de multa coercitiva ao construtor. Ademais, o Goberno amiense encargou á empresa concesionaria do servizo de saneamento e abastecemento a realización dunha inspección da canalización, a través da introdución dunha cámara na arqueta. Este estudo demostrou a existencia de conexións co colector principal que se levaron a cabo sen o correspondente permiso.
Vistas as numerosas queixas presentadas polos veciños, debido á filtración de augas fecais, e tendo en conta que as administracións publicas están facultadas para a execución subsidiaria, iniciouse a vía da execución subsidiaria, un paso que foi comunicado aos interesados o pasado 19 de febreiro. Coa solución técnica aportada levarase a cabo o selado do colector principal de saneamento da rúa e darase por solucionado un problema de máis de tres anos de duración.











