O Concello de Ames elabora un plan para renovar a sinalización horizontal de Bertamiráns e O Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames iniciou a elaboración dun plan de renovación integral da sinalización horizontal do municipio, que suporá a reposición de todas as marcas viarias e a conseguinte mellora da seguridade tanto para peóns como para condutores. Para a realización deste plan de renovación, o Concello tomará como base os informes encargados á Policía Local de Ames sobre o estado da sinalización en Bertamiráns e no Milladoiro en pasos de peóns, zonas destinadas a carga e descarga, vaos permanentes ou zonas de aparcamento reservadas a persoas con discapacidade.

Nos últimos meses, os axentes realizaron unha revisión e avaliación dos distintos puntos sobre os que será necesario actuar para mellorar o estado do pintado da sinalización. O informe da Policía Local recolle todos os pasos de peóns, vaos, cargas e descargas e outras zonas nas que se precisa a reposición das marcas viarias.

O plan de renovación está motivado polo estado actual no que se atopan as marcas viarias e ten como obxectivo unificar a renovación de dita sinalización horizontal, debido a que non existía un plan destas características, o que permitirá non actuar de xeito illado.

O Concello mellorará, deste xeito, a sinalización dos pasos de peóns, vaos, zonas de carga e descarga e zonas de aparcamento reservado o que permitirá, ademais de mellorar a imaxe do municipio, axudar a regular o transito de vehículos e peóns, conseguindo mellorar a mobilidade de vehículos e cidadáns polas rúas. Esta actuación enmárcase nas medidas para a mellora da seguridade viaria que realiza periodicamente o Concello.

20 de febreiro de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.