O Concello de Ames acomete a segunda fase das labores de asentamento das pedras da Ponte Lapido
O Concello de Ames comezou a segunda fase das obras de acondicionamento da ponte de pedra que cruza o río Sar no lugar de Lapido, na parroquia de Ortoño. Os traballos, que non comezaron antes debido ás condicións meteorolóxicas, consisten na colocación e asentamento de 44 pezas de pedra da ponte, que foron desprazadas pola acción da auga nos últimos temporais. Trátase dunha actuación complementaria ás de acondicionamento da zona xa realizadas en xaneiro.
Deste xeito, o Concello de Ames están levando a cabo unha actuación en Ponte Lapido, acometendo unha solución que perdure no tempo, xa que as pedras da parte superior da ponte foron colocadas polo Concello o pasado mes de novembro e agora atopábanse de novo desprazadas pola acción da forza das augas. O obxectivo dos traballos que acomete o Concello é dotar a esta infraestrutura dunha solución que impida que as augas volvan a causar desperfectos nas pedras.
Retirada de madeira en xaneiro
Esta actuación complementa á realizada no mes de xaneiro nesta zona por operarios enviados por Augas de Galicia, que traballaron na retirada da madeira apilada no entorno da ponte debido ás consecuencias da subida do nivel do río e dos temporais. Os traballadores retiraron os restos de madeira acumulados no dominio hidráulico, cortándoos e transportándoos fóra da zona.
No marco das actuacións levadas a cabo polo Concello de Ames para solventar as consecuencias dos diferentes temporais no municipio, o Executivo solicitoulle no pasado mes de decembro a Augas de Galicia a retirada de madeira apilada no río ao seu paso pola ponte existente nas inmediacións da área recreativa de Lapido-Ortoño. Augas de Galicia xa lle avanzara ao Concello que, en canto mellorasen as condicións de seguridade na zona, retiraríase o material que estaba a impedir a normal circulación das augas neste punto en concreto.











