O Concello da Laracha reparará o reloxo do obelisco da praza
A Praza do Concello da Laracha, que acolle a Casa Consistorial, está presidida por un obelisco que, como elementos decorativos, posúe unha fonte na súa base e está coroado por un reloxo de catro esferas, unha a cada lado da columna. Este piar, desde que foi levantado na década dos ´80, conforma unha das imaxes máis representativas do núcleo urbano da Laracha pola súa altura e céntrico emprazamento, xunto á estrada AC-552.
Debido á súa situación, o reloxo do obelisco está altamente exposto ás inclemencias do tempo. A pesar das continuas actuacións de mantemento e reparacións puntuais realizadas polo Concello, as intensas choivas provocaron a entrada de auga en tres das esferas, que incharon dada a humidade no seu interior, o que impide a circulación das agullas e supón, por tanto, que soamente unha delas estea actualmente en funcionamento.
En vista desta situación, o Concello da Laracha acometerá nas próximas semanas unha completa reparación do reloxo, que incluirá a substitución das agullas e a colocación de catro novas esferas na fachada do obelisco dun material máis resistente que o actual.
O goberno local xa dispón dunha memoria das actuacións a realizar, que se iniciarán cando as condicións climatolóxicas así o permitan.











