O Concello da Laracha organizará un curso de preparación para a obtención do graduado en ESO
O Concello da Laracha, coa colaboración económica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, organizará un curso de preparación para a obtención do graduado en educación secundaria (ESO) dirixido a persoas maiores de 18 anos de idade que comezará a impartirse no mes de marzo.
Todos os veciños da Laracha que desexen participar nesta acción formativa deben formalizar o antes posible a súa inscrición de xeito gratuíto acudindo ao Concello. As xornadas lectivas desenvolveranse en horario intensivo de mañá.
As probas, convocadas pola Xunta de Galicia, terán dúas convocatorias, estando fixada a primeira para o 23 de maio e a segunda para o 11 de setembro.
O Concello da Laracha organizou nos últimos anos este tipo de cursos, que teñen por obxecto formar aos alumnos para superar os exames de obtención deste título e dotalos dos coñecementos, instrumentos e habilidades que lles sexan útiles na súa vida diaria e que lles permitan progresar no seu ámbito persoal, social e laboral.











