O Concello da Laracha e a Confraría de Pescadores renovan o convenio de colaboración

Sinatura do convenio coa confraría de pescadores da Laracha
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Evaristo Lareo, Patrón Maior e Caión, rubricaron o convenio de colaboración para o ano 2014 entre o Concello e a Confraría de Pescadores da localidade costeira, que é unha renovación do que estivo en vigor no exercicio anterior.
O acordo establece que o Concello da Laracha concede unha subvención de 5.000 euros, xa contemplada nos orzamentos municipais, dirixida a sufragar os custos do funcionamento e mantemento (gastos en persoal, limpeza, electricidade, etc.) do museo do Arquivo da Pesca, situado precisamente no baixo do edificio do pósito dos pescadores.
O museo do Arquivo da Pesca, que é titularidade da Confraría de Pescadores de Caión, foi creado co financiamento do Concello da Laracha e do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 Costa da Morte. A súa dirección corresponde ao historiador local Marcos Amado.
O horario de apertura durante o inverno é os domingos de 17 a 19.30 horas (excepto do 10 de xaneiro ao 25 de febreiro, que permanece pechado), existindo a posibilidade de realizar visitas de grupos de luns a venres concertando cita previamente. A entrada ao museo é gratuíta.











