O Concello da Estrada e a Xunta acordan a reversión do centro comarcal de Tabeirós-Terra de Montes

Rueda na visita ao centro comarcal `previa á sinatura
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde da Estrada, José López, asinaron esta mañá o convenio de reversión do Centro Comarcal de Tabeirós-Terra de Montes a favor do Concello, nun acto no que estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
O Centro de exposicións permanente de recursos da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, con sede na Estrada foi construído no seu día nuns terreos municipais que o Concello da Estrada lle cedera á Xunta e comezou a funcionar en 1998. A partires de agora será o Concello da Estrada o encargado de xestionar este edificio que se converterá na nova sede local de emerxencias da Estrada.
A Xunta considera que a reversión deste centro ao Concello é un exemplo de racionalización de recursos e de cooperación entre Administracións.
O Goberno galego foi pioneiro na súa aposta pola racionalización da Administración, coa posta en marcha da Lei de racionalización da Administración Autonómica e o Plan de racionalización da administración paralela. Este plan -que está na súa terceira fase de desenvolvemento- supuxo xa o aforro de máis de 40 millóns de euros e a eliminación de case 60 entes.
Precisamente, entre os entes extinguidos atópanse as fundacións comarcais, cuxa reformulación permitiu eliminar duplicidades e gañar en eficiencia, sen menoscabar en ningún caso os servizos que reciben os cidadáns das Administracións.











