O Concello da Coruña reforza o plan de concienciación en colexios e centros cívicos
A concelleira de Barrio, Mariel Padín, acompañada polos concelleiros de Medio Ambiente, Enrique Salvador, e Educación, Francisco Mourelo, visitou esta mañá o Colexio de Educación Infantil e Primaria Concepción Arenal, con motivo da celebración dun taller infantil dentro do Plan de comunicación e conciencición ambiental que se desenvolve dentro do Plan RUA e que trata de sensibilizar aos cidadáns sobre a importancia de coidar e manter limpa a cidade: “O traballo cos máis pequenos é fundamental porque conseguimos que os adultos do futuro sexan responsables e sensibles ao coidado da contorna. Ademais, cando estes nenos chegan a casa transmítenlle todo o que aprenderon aos seus pais e familiares, creando así un labor de concienciación en cadea”, sinalou Padín.
Tal e como explicou a concelleira, os talleres infantís son unha das actividades que o Concello deseñou dentro do programa educacional incluído no Plan de Comunicación e concienciación do Plan RUA: “A través de xogos, contos e diferentes actividades, organizamos talleres tanto en colexios como en centros cívicos, bibliotecas, entidades sociais ou campamentos nos que tratamos de transmitir ás nenas mensaxes básicas como o necesario uso das papeleiras, como actuar con residuos cotiáns especiais como chicles ou excrementos caninos, a importancia da reciclaxe ou as distintas tarefas de mantemento na cidade”, asegurou e continuou: “Ademais, este programa educacional complétase con charlas en centros cívicos e asociacións veciñais dirixidas a adultos. O obxectivo é implicar a toda a sociedade no coidado e respecto pola cidade, os seus espazos públicos e o seu mobiliario urbano”, subliñou.
Mariel Padín informou de que o colexio Concepción Arenal é o segundo que se visita este ano, aínda que xa está pechada a asistencia a outros centros como o Raquel Camacho, Wenceslao Fernández Flórez, María Barbeito, Prácticas, Zalaeta e Ramón da Sagra. Tamén se visitarán os centros cívicos de Vos Rosales, Pescadores, San Pedro de Visma, Labañou, Palavea e Vos Mallos. Durante todo o 2014, esta previsto que o Concello leve este plan ao maior númeor de centros cívicos e colexios posible.
A concelleira lembrou, ademais, que o Plan de Comunicación e Concienciación ambiental, contempla unha parte informativa que leva a cabo nos barrios de forma complementaria o Plan RUA: “Os nosos axentes ambientais realizan un labor moi importante a pé de rúa coa distribución de carteis e folletos e a recollida de suxestións de veciños e comerciantes de cada barrio. Ademais, todos os coruñeses teñen á súa disposición as redes sociais e a web www.planrua.es na que poden informarse pero tamén expornos todo tipo de dúbidas e suxestións”, sinalou.
Mariel Padín lembrou que ao longo do pasado ano un total de 1.776 menores participaron nos talleres infantís que se programaron e que chegaron a 9 centros cívicos, 12 colexios e 1 campamento a través de 83 sesións. Ademais, realizáronse charlas en centros cívicos de concienciación cidadá dirixidas a un público adulto.
PLAN RUA
Por outra banda, o Plan RUA continúa a súa actividade e desde mañá venres e até o 12 de marzo realizarán unha actuación integral no Barrio das Flores no que chegará a máis dunha trintena de rúas, prazas e aparcadoiros.











