O Concello da Coruña recibe 21 propostas para o proxecto de renovación do paseo marítimo
O Concello da Coruña recibiu un total de 21 propostas para a execución da quinta fase do proxecto de renovación do paseo marítimo, en concreto, o tramo entre a rúa Pondal e a Coraza. O Goberno municipal, a través da área de Infraestruturas, xa executou tres fases (a pavimentación e colocación de varanda na zona das Escravas; a remodelación da Coraza; e a instalación da escalinata nas inmediacións da Praia Club) e unha cuarta fase (entre cálea Sol e o acceso ao areal de Matadoiro) xa está adxudicada por 363.776,11 euros e un prazo de execución de seis meses.
O orzamento de licitación destas novas obras entre a rúa Pondal e a Coraza é de 847.257 euros, cun prazo de execución de 10 meses. O Concello empezará ao longo deste ano esta nova fase do paseo marítimo para que os traballos estean terminados en 2015. O novo proxecto axústase ao concurso de ideas para a renovación do bordo litoral, unha convocatoria á que se presentaron 83 propostas e da que se concluíu que era necesario achegar o peón á praia; mellorar a perspectiva visual desde o paseo; e aproveitar espazos singulares como a Coraza.
O proxecto inclúe a solución graduada en forma de miradoiro para salvar o desnivel actual entre o paseo e a praia. Os novos tramos de bancada estarán ancorados ao muro do paseo e cumprirán unha dobre función: mellorar a accesibilidade ao areal e como zona de estancia para goce da praia por parte dos cidadáns. O proxecto tamén recolle a substitución das duchas e dos lavapiés situados xunto ás rúas Modesta Goicouría e Pondal, que será de aceiro inoxidable.
A área de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado programa ademais a eliminación da balaustrada actual e das 21 columnas de iluminación que se atopan sobre esta estrutura; mentres que no tramo entre a Coraza e o punto de acceso máis próximo á praia de Riazor proxéctase unha varanda de bronce de idénticas características á que está colocada na Coraza. O obxectivo é facilitar a visión do mar desde o propio paseo e evitar a resistencia que a balaustrada actual xeraba ao mar en días de forte ondada e que provocou a caída dun tramo en novembro de 2010. Para favorecer a accesibilidade á praia e pór fin ás barreiras arquitectónicas do pasado, o Goberno local programa unha serie de actuacións:
– No acceso próximo á Coraza, colocarase unha rampla de formigón impreso -cunha pendente do 6%- para substituír unha das escaleiras de acceso á praia; mentres que outra escaleira modifícase para que sexa perpendicular ao muro do paseo.
– No acceso máis próximo á rúa Pondal, modifícase a rampla actual para que o pendente pase do 18,5% ao 6% de desnivel. Ademais, a escaleira tamén se modifica para que sexa perpendicular ao paseo.
– Se recrecen o tres plataformas que se atopan baixo os accesos actuais para reducir a cota entre o paseo e o areal.











