O Concello da Coruña pon en marcha a administración dixital
A tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, informou, esta mañá, dun novo avance no proxecto de Coruña Smart City xa que, tal e como anunciou, o Concello, a través de Emalcsa, abre hoxe o prazo de presentación de ofertas para a adxudicación da Plataforma de Administración Electrónica: “que contén unha serie de medidas para converter ao Concello nunha verdadeira administración dixital”, destacou a concelleira.
Así, no marco de Smart City, tras unha primeira fase encargada de recoller e procesar datos e información que axudará á administración local na toma de decisións, nesta segunda fase o obxectivo é o desenvolvemento de proxectos pilotos concretos que melloren a eficiencia dos servizos e permitan aos cidadáns utilizar esa información e ser partícipes de todo o que ocorre na cidade.
Neste proxecto concreto, Galego explicou que unha das primeiras novidades será a creación da sede electrónica, unha páxina web na que se concentrarán todos os trámites e xestións “cun deseño máis intuitivo, cómodo e directo para os usuarios”. En cada un dos trámites recollerase a información sobre os requisitos, os procedementos asociados, as unidades responsables da súa xestión, a súa localización e as canles de tramitación dispoñibles en liña, de forma telefónica ou presencial.
“O cidadán poderá ter toda a información necesaria para realizar un trámite municipal e elixir a canle que mellor se adapte ás súas necesidades ou preferencias, xa sexa desde o seu computador, a través do 010, nas oficinas de Rexistro Municipal ou, mesmo, a través do seu teléfono móbil”, destacou Galego, quen explicou que se poderán realizar uns 50 trámites municipais. “Ademais
-engadiu-, como novidade, a nova contorna non só permite o uso do DNI electrónico como medio de identificación, senón que tamén admitirá o Cartón Millenium para acceder á súa información personalizada, xa que máis de 160.000 cidadáns xa dispoñen dela. O usuario simplemente terá que saber o seu número de cartón e pin”.
A sede electrónica arrincará con aproximadamente 40 tramitacións, tendo en conta cales son os trámites máis demandados polos cidadáns, como pagos de recibos, xustificantes de pagos, inscricións a actividades municipais, reservas de instalacións, certificados ou volantes de padrón, para ir incorporando máis tramitacións. “O fundamental é que o cidadán teña acceso á administración a calquera hora durante todos os días do ano”, destacou galego.
Ademais da sede electrónica, a plataforma de administración electrónica que se licita, por un importe de 970.000 euros e cun prazo de execución de 12 meses, contemplará a posta en marcha das seguintes iniciativas:
– Factura electrónica: permitirá aos provedores tramitar as súas facturas electrónicamente, consultar o estado das mesmas, etc.
– Licitación electrónica: permitirá que os provedores poida presentar ofertas aos concursos públicos sen ter que desprazarse, evitando tamén a presentación reiterada de documentos grazas á implantación do Rexistro de Contratistas.
– Dixitalización dos expedientes: aínda que os cidadáns que o desexen poidan seguir presentado os seus trámites nos Rexistros Municipais, dixitalizaranse as solicitudes e a documentación presentada polos usuarios para evitar o papel nas oficinas.
– Interconexión con outras administracións ou institucións: admitiranse visados electrónicos de órganos colexiados de forma que xa non será necesario presentar nos Rexistros os proxectos en papel.
– Taboleiro de anuncios: Substituiranse os clásicos taboleiros como o de edictos por dispositivos ou pantallas electrónicas que facilitarán a súa consulta. Esta información tamén estará dispoñible a través da Sede Electrónica.
– Notificacións electrónicas: poderase notificar a través de Internet ou o móbil.
– Servizos Tributarios: potenciaranse todos os servizos relacionados coa área Tributaria.
“Grazas ao proxecto Coruña Smart City xa non será necesario desprazarse até o Concello para facer xestións ou ter que achegarse a algúns dos rexistros municipais para entregar unha instancia. Trátase dun paso moi importante para lograr unha xestión máis aberta e eficaz e unha relación máis áxil e directa cos cidadáns”, destacou a tenente de alcalde.
O proxecto forma parte da Administración Electrónica (e-Administración) que impulsa o Concello coa redacción dunha ordenanza que se aprobará durante este ano. “A e-Administración -explicou Galego- é esencial para prestar uns servizos públicos máis eficaces e de mellor calidade, reducir os prazos de espera dos usuarios e mellorar a transparencia e a rendición de contas”.
Este proxecto encaixa perfectamente nun dos retos de Coruña Smart City, que é o de xerar unha novo paradigma da xestión das administracións: máis accesible, máis participativo e, sobre todo, máis eficiente e transparente.
“A posta en marcha destes proxectos piloto integrados na plataforma tecnolóxica xerará novas ideas, oportunidades e dinamizará a cidade achegando respostas ás novas necesidades. Ademais, posibilitará a creación de emprego ligado ás novas tecnoloxías”, asegurou Galego, quen lembrou o proceso no que se atopan os proxectos pilotos postos en marcha dentro de Smart City:
Xa se licitaron:
-Sistema de telecontrol de rega intelixente de parques e xardíns-
-Sistema de información de eventos multicanal.
-Sistema de monitorización de eficiencia enerxética en edificios públicos.
Actualmente, están en proceso de licitación e de recepción de ofertas, ademais da plataforma de administración electrónica que agora se saca a concurso, os seguintes proxectos:
-Sistema de visitas guiadas con realidade aumentada e información en tempo real de servizos.
-Sistema de control de calidade do aire e control de ruído.
O Concello da Coruña leva traballando no proxecto Coruña Smart City desde xullo de 2011, pouco despois de chegar ao Goberno local. Desde a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración, por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ou ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español.











