O Concello da Coruña moderniza a iluminación pública da avenida Rubine e a praza de Casares Quiroga
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, informa de que hoxe, martes 25 de febreiro, desenvolveranse os traballos de mellora da iluminación pública na avenida de Rubine, para a continuación, entre mañá e o vindeiro venres realizar obras na praza de Casares Quiroga.
O proxecto forma parte dun programa de eficiencia enerxética para sete puntos da cidade e que permitirá aforrar 15,7 kw/h. En total, a área de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández inviste 157.526,25 euros -o que supón unha redución do 30,5% (máis de 69.000 euros) con respecto ao orzamento de licitación, fixado en 226.656,47 euros- entre a rolda de Camilo José Cela, Cantóns e Sánchez Bregua, avenida da Universidade, número 67 da praza da avenida de Arteixo, Jacinto Benavente, praza Casares Quiroga e avenida de Rubine.
No caso das obras de Rubine, desmontarase e retirará a instalación existente e substituirase por tecnoloxía LED co consecuente aforro do 70% de enerxía. En total, colocaranse 8 luminarias que contarán cun axuste automático do paso a nivel reducido para a parte central da noite, garantindo sempre a iluminación necesaria e, ao mesmo tempo, diminuír a potencia utilizada ao redor dun 40% durante o nivel reducido.
Na praza Casares Quiroga, a actuación inclúe o desmonte e retirada das instalacións existentes e posterior substitución por 28 luminarias tipo LED. Conséguese reducir nun 72% o consumo. Do mesmo xeito que na avenida de Rubine, a iluminación disporá dun axuste automático do paso a nivel reducido para a parte central da noite, garantindo a iluminación necesaria e rebaixando a potencia ao redor dun 40% durante o nivel reducido.
Este proxecto de Infraestruturas inclúe outro cinco vías da cidade:
– Rolda de Camilo José Cela. A actuación consiste no desmonte e retirada da instalación existente e a posterior instalación de 17 conxuntos de luminarias que permitirá reducir o consumo enerxético nun 30%.
– Cantóns e Sánchez Bregua. A obra inclúe o desmonte e retirada das 28 unidades de luminarias do viario e a substitución dos grupos ópticos nas luminarias peonís. Con esta solución reducirase o consumo nun 37%.
– Avenida da Universidade. Os traballos consisten na reposición das 10 columnas eliminadas e a ampliación da instalación.
– Praza da avenida de Arteixo, número 67. Desmontaranse e retirarán as 14 luminarias existentes, que se substituirán por outras de tipo LED, o que levará un aforro do 70%.
– Jacinto Benavente. Substituiranse 38 lámpadas e instalaranse dúas novas co fin de reducir o consumo enerxético nun 40%.
Todas as actuacións forman parte do Plan de Eficiencia Enerxética que desenvolve o Goberno local e do proxecto de modernización da rede de iluminación da cidade, que teñen como finalidade un cambio tanto na xestión como no consumo enerxético da Coruña para lograr un significativo aforro ao longo do mandato.











