O Concello da Coruña instalará a rede de saneamento na rúa París
O Concello da Coruña saca a concurso o proxecto de saneamento da rúa París, un proxecto incluído dentro do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación, cun orzamento de licitación de 330.874 euros e que permitirá dotar esta zona da Zapateira dunha rede separativa de augas pluviais e residuais.
O prazo de presentación de ofertas para este concurso, licitado mediante procedemento aberto, finaliza o próximo 17 de febreiro, ás 13.00 horas. As obras realizaranse na rúa París, no tramo entre as rúas Atenas e Xenebra, unha zona que carece na actualidade de rede de saneamento (as augas residuais trátanse de maneira individual en cada vivenda, mentres que as pluviais discorren polas cunetas).
Cun prazo de execución de 4 meses, o Concello, a través da Concellaría de Infraestruturas, proxecta unha rede separativa que permita a recollida, por unha banda, das augas de tipo residual, e polo outro, das augas que se xeran na zona. Así, instalaranse pozos de rexistro e un colector para a rede de residuais, mentres que para a canalización das augas pluviais tamén se colocarán colectores, pozos de rexistros e sumidoiros. A previsión é que a realización destes traballos non afecte os servizos da zona, do mesmo xeito que non será preciso a expropiación de terreos para a execución da obra.











