O Concello da Coruña abre o prazo de inscrición para obter o Celga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura, informa de que hoxe se abre o prazo de preinscrición en cursos de Lingua Galega preparatorios para obter os niveis Celga 1, 2, 3 e 4, co fin de recoller a demanda existente nesta localidade e remitila á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude de preinscrición nalgún dos rexistros do Concello da Coruña (Rexistro de María Pita: praza de María Pita, s/n, 15001-A Coruña; Rexistro do Fórum Metropolitano: rúa Río Monelos, 1, 15006-A Coruña; ou Rexistro do Centro Sociocultural Ágora: cale Ágora, s/n, 15010-A Coruña). O prazo finalizará o sábado 22 de febreiro. Os sábados só permanecen abertos, en horario de 9.00 a 13.00 horas, os rexistros de María Pita e Fórum.

Os interesados deberán indicar a modalidade ou modalidades nas que desexan participar (Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4). Unha vez recollidas todas as preinscricións, serán enviadas á Secretaría Xeral de Política Lingüística para que determine o número e o calendario definitivo de cursos que se van a realizar, para os que se necesita un mínimo de 20 asistentes. Unha vez que se publique o calendario definitivo, os interesados deberán formalizar a matrícula para os cursos que se realizarán durante os meses de abril e maio.

Para obter máis información xeral sobre os cursos Celga pódese consultar  a web www.coruna.es/cultura ou http://www.xunta.es/linguagalega/celga, onde aparecerán tamén publicadas as listas das persoas admitidas.

14 de febreiro de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.