O CGAC proxecta os filmes italianos ‘Il Caimano’ e ‘Le conseguenze dell`amore’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proxectará no Centro Galego de Arte Contemporánea este xoves 6 de febreiro ‘Il Caimano’ e o venres 7 o filme ‘Le Conseguenze Dell´amore’. Estas proxeccións enmárcanse dentro do ciclo ‘Cinema no CGAC’, unha actividade paralela e complementaria á mostra ‘93’, coa que o museo conmemora o seu vixésimo aniversario.

‘Cinema no CGAC’ ofrece a posibilidade de asistir a unha película en lingua orixinal os xoves e outra os venres ás 20,30 horas, e a entrada é libre e gratuíta ata completar as localidades. O ciclo divídese en tres bloques temáticos, o primeiro deles, que estará ata o 20 de febreiro, é o Ciclo de Cinema Italiano, ‘De Mussolini a Berlusconi: Como un xogo de máscaras’.

O segundo bloque temático, ‘Ciclo de Cinema sobre a figura do Transxénero’, proxectarase durante todo o mes de marzo e arrancará co filme ‘Orlando’, de Sally Potter, película gañadora de Festival Cineuropa en 1993. O terceiro e último bloque, ‘Ciclo de cine Británico’, terá lugar nos meses de abril e maio e centrarase en filmes realizados na Inglaterra thatcheriana.

‘Il Caimano’

Un veterano produtor de cinema de serie B afronta a súa última oportunidade para manterse na industria: un proxecto ambicioso sobre a chegada de Cristobal Colón a América. No último momento, o director decide arriscarse e apostar por unha directora novel. Esta preséntalle o que el cre que é un thriller, pero en realidade trátase dunha incómoda biografía do entón presidente do goberno Silvio Berlusconi.

Dirixido por Nanni Moretti no 2006, o filme conta cos intérpretes Silvio Orlando, Margherita Buy, Jasmine Trinca, Elio De Capitani, Nanni Moretti, Michele Placido, Jerzy Stuhr, Giuliano Montaldo, Paolo Sorrentino e Matteo Garrone.

‘Le conseguenze dell´amore’

Todos temos algún segredo, pero Titta Di Girolamo ten máis dun. Se non, por que querería un home de cincuenta anos vivir oito no cuarto dun hotel? Oito anos sen traballar, fumando en silencio, sentado no vestíbulo ou no bar do hotel, ben vestido pero sen grandes luxos. Unha atroz rutina, á espera eterna de que ocorra algo. Está só. É un home perdido por mor da contemplación de algo escondido, pero que é?, por que o contempla?, cales son os segredos inconfesables de Titta? A irrupción dunha muller contribúe a desvelar o que ocultou durante tanto tempo.

O filme foi dirixido por Paolo Sorrentino no ano 2004 e conta coa interpretación de Toni Servillo, Olivia Magnani, Adriano Giannini, Antonio Ballerio, Gianna Paola Scaffidi e Nino D’Agata.

3 de febreiro de 2014 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.