O CGAC proxecta o filme italiano ‘Saló o le 120 giornate di Sodoma’
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proxectará no Centro Galego de Arte Contemporánea este xoves 20 de febreiro o filme ‘Saló o le 120 giornate di Sodoma’. Ás 20,30 horas, antes de que comece a proxección do filme, o director e produtor de cinema Javier Rebollo impartirá unha conferencia titulada ‘Hai que matar a Pasolini, morte e transfiguración do último intelectual europeo’.
Esta proxección enmárcase dentro do ciclo ‘Cinema no CGAC’, unha actividade paralela e complementaria á mostra ‘93’, coa que o museo conmemora o seu vixésimo aniversario. ‘Cinema no CGAC’ ofrece a posibilidade de asistir ás películas en lingua orixinal subtitulada. A entrada ao auditorio do centro é libre e gratuíta ata completar as localidades.
Deste xeito, con ‘Saló o le 120 giornate di Sodoma’ péchase o primeiro bloque temático ‘De Mussolini a Berlusconi: como un xogo de máscaras’. Os seguintes bloques serán o ‘Ciclo de Cinema sobre a figura do Transxénero’, que terá lugar durante todo o mes de marzo e arrancará co filme ‘Orlando’, de Sally Potter, película gañadora de Festival Cineuropa en 1993. O terceiro e último bloque, ‘Ciclo de cine Británico’, desenvolverase nos meses de abril e maio e estará centrado en filmes realizados na Inglaterra thatcheriana.
‘Saló o le 120 giornate di Sodoma’
Este filme desenvólvese na República de Salò, no norte de Italia, durante os anos 1944 e 1945, en plena ocupación nazi. A película atópase dividida en catro segmentos que fan símil co Inferno de Dante: “Anteinferno”, “Círculo das manías”, “Círculo da merda” e “Círculo do sangue”.
Catro homes poderosos, chamados o Presidente, o Duque, o Bispo e o Maxistrado, acordan casar as súas fillas nun ritual libertino. Coa axuda de varios colaboradores, secuestran dezaoito mozos e condúcenos a un palacio. Acompáñanos catro ex prostitutas, cuxa función será a de contar historias que exciten os homes poderosos, que entón explotarán sexual e sadicamente as súas vítimas.
A mítica película con dirección e guión de Pier Paolo Pasolini e con música de Ennio Morricone, está interpretada por Paolo Bonacelli, Giorgio Cataldi, Umberto Paolo Quintavalle, Aldo Valletti, Caterina Boratto, Elsa De Giorgi e Sonia Saviange.
Conferencia
Xusto antes de proxectarse o filme, o cineasta Javier Rebollo impartirá a conferencia titulada ‘Hai que matar a Pasolini, morte e transfiguración do último intelectual europeo’. Javier Rebollo (Madrid, 1969) rodou en 2013 El muerto y ser feliz (Premio FIPRESCI en San Sebastián e Concha de Prata ao Mellor Actor, premio Goya ao Mellor Actor Protagonista e Mellor Película en Toulouse); en 2009, La mujer sin piano (Concha de Prata ao Mellor Director en San Sebastián, Mellor Película en Los Angeles, e Mellor Película en Toulouse); e en 2006, Lo que sé de Lola (Premio FIPRESCI en Londres, Gran Premio Seúl, Mellor Película en Nantes e Gran Premio en Marsella).
Entre 1997 e 2002 dirixiu un ciclo de curtametraxes protagonizadas por Lola Dueñas. Con elas gaña un centenar de premios e acode, entre outros, aos festivais de Clermont-Ferrand, Cracovia, Montreal e Locarno. O seu traballo foi obxecto de retrospectivas en diversos países como Francia, Alemaña, Bélxica, Estados Unidos e España. Ademais, tamén é o produtor de La isla del rinoceronte de Luis Bértolo (Mención Especial do Xurado no Festival Internacional de Cinema de Marsella), que se rodará a vindeira primavera en Marsella.











