O catedrático Juan Viaño presentarase a reitor da Universidade de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+
E.P.

O catedrático de Matemática aplicada Juan Viaño confirmou que se presentará ás eleccións a reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se celebrarán o próximo 25 de abril, e que foron convocadas este mércores, día no que o actual rexedor, Juan Casares Long, anunciou que non optará á reelección.

En declaracións, Juan Viaño explicou que aspira a ser un candidato “con apoios amplos” que pasen as fronteiras do grupo ao que pertence, +Ideas. “Pretendo ser un candidato, non só dun grupo, senón de moitos colectivos”, asegurou.

A este respecto, e preguntado por se xa entaboou contactos con outros colectivos conformados no seo da universidade, Viaño explicou que “con colectivos expresamente non”, pero si con “moita xente” para coñecer cál é a situación da universidade, as súas “valoracións e a súa visión sobre o futuro” da institución académica.

“Co traballo que levamos facendo dende os últimos meses e anos, creo que quedan poucos días para que se culmine e poidamos presentar o noso proxecto á comunidade universitaria”, subliñou Viaño, quen dixo que se está no proceso de “culminar a candidatura”.

Sobre o actual reitor da USC, Viaño considerou que a decisión de non se presentar é “a consecuencia lóxica” do seu mandato no que, segundo as palabras do catedrático de Matemática aplicada, “renunciou a un proxecto de futuro da universidade”.

En todo caso, recoñeceulle o seu “traballo persoal e dedicación”, a cal hai que agradecer, pero lamentou que le “faltou capacidade de negociación nun contexto difícil de recortes e crise, no que era máis difícil”, admitiu, chegar a acordos.

DEFENDEU EMENDA DE DEVOLUCIÓN

Precisamente, Juan Viaño foi o encargado de defender este mércores no transcurso do claustro da USC a emenda á totalidade presentada por +Ideas, que asinara o voceiro deste grupo, Enrique Macías.

Non obstante, finalmente foi Viaño o que pediu a devolución dos presupostos, unha petición que prosperou con 92 votos a favor fronte aos 49 concedidos ao documento presentado polo equipo de goberno da USC e nove emitidos en branco. Esta decisión supuxo a prórroga dos presupostos.

O documento presentado pola USC fixaba para este ano unhas contas de 214,5 millóns de euros, o que representaba unha diminución de 14,34 millóns en relación ao ano 2011 –exercicio dende o que están prorrogadas as contas da USC–. O importe incluía a diminución do plan de financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG) para o 2013 e que se mantén en 2014, da recadación das taxas e a propia situación económica da USC hai anos.

26 de febreiro de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.