O Café Teatro acolle a primeira charla do Plan de Formación a Autónomos, PEMES e Pequeno Comercio de Narón 2014
O Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá mañá xoves 20 de febreiro a partires das 20:45 horas a primeira charla do ‘Plan de Formación a Autónomos, PEMES e Pequeno Comercio de Narón 2014’, organizado pola Concellería de Promoción Económica do Concello de Narón en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón.
Esta charla leva por título “Ultimas novidades nas normativas relativas á Seguridade Social e Facenda. Especial referencia ao IVE de caixa”, e vai dirixida a comerciantes, autónomos e pequenos empresarios do municipio. Será presentada polo Concelleiro de Promoción Económica de Narón, Pablo Villamar, e a presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN), Olga Ameneiro.
A entrada é de balde e os encargados de impartila serán a avogada Patricia Vilar e o economista Manuel Rey. Ó finalizar haberá tempo para que os asistentes poidan formular preguntas ou dúbidas relacionadas con este tema.
O ciclo de conferencias continuará o xoves 20 de marzo, coa charla titulada “Principios de xestión para a pequena e mediana empresa”, impartida polos mesmos profesionais que a anterior.
Posteriormente, o xoves 10 de abril haberá unha terceira convocatoria baixo o título “A factura eléctrica: Qué pagamos? Posíbeis alternativas para pagar menos”, e que contará coa intervención de Xosé Manuel Golpe, técnico da FAEPAC (Fundación Axencia Enerxética Provincial de A Coruña) e Pablo Villamar (Concelleiro de Promoción Económica).











