O BNG solicita un pleno extraordinario en Santiago para que o rexedor dea explicacións
O grupo municipal do BNG defenderá no próximo pleno do Concello de Santiago unha proposición para demandar a convocatoria doutro de carácter extraordinario e urxente no que se trate “o maior escándalo institucional desta cidade”, destapado pola ‘Operación Pokémon’, e por outras causas xudiciais que, advirte, “afectan á xestión ordinaria do goberno local do PP”.
Os nacionalistas consideran que “é necesario debater e afrontar as responsabilidades políticas que correspondan con urxencia, para evitar agrandar a deterioración institucional que padece a Casa do concello”. “O pleno, como órgano de máxima representación política da cidadanía, debe ser o lugar escollido pola corporación para dar conta das consecuencias políticas ao amparo destas investigacións”, destacan nun comunicado.
Ademais, o Bloque compostelano subliña que “máis alá das responsabilidades xudiciais, que determinará a Xustiza, existen consecuencias políticas e sociais que afectan de cheo ao labor do grupo municipal do PP”. Ao respecto, recorda que, neste momento, os populares teñen 10 dos seus 13 membros imputados nalgunha causa xudicial e resalta que “por ese motivo, o alcalde debe dar explicacións á corporación”.
En declaracións aos medios despois da xunta de voceiros demandada pola oposición para informar da ‘Operación Patos’, o voceiro do BNG santiagués, Rubén Cela, afirmou que “chove sobre mollado, porque en Santiago de Compostela nun período inferior a tres anos se pasou por unha imputación a Gerardo Conde Roa por delito fiscal, pola ‘Operación Pokémon’, pola ‘Operación Manga’ polo caso Carril de persecución a un policía local, polas facturas falsas, pola ‘Operación Patos’ e hai varias denuncias de veciños que foron admitidas a trámite”.
“CANSAZO TOTAL E ABSOLUTO”
“A sensación é de cansazo total e absoluto por parte da cidadanía e non chega solo cunha xunta de voceiros, o alcalde debe responder no pleno municipal”, incidiu.
Por outra banda, referiuse tamén ao “atraso por razóns de tipo partidario” na convocatoria do debate do estado do municipio. “É evidente que o goberno municipal, co seu alcalde á fronte, non quere dar a cara ante a situación actual”, denunciou, antes de advertir que “despois do dano producido á imaxe de Santiago e ao funcionamento ordinario deste Concello, o mínimo é que pidan desculpas e asuman as responsabilidades políticas”.











