O Azkar Lugo B non puido cun Zamora e Velasco inspirados
O Azkar Lugo B non puido sacar nada positivo da súa visita á cancha do Zamora FS o pasado venres e caeu derrotado por 8 goles a 2. Os lucenses víronse superados pola escadra castelá e por Velasco, xogador dos zamoranos, que se mostrou letal en ataque anotando catro dos goles locais. E iso que os lucenses comezaron adiantándose no choque co 0-1 de Javi Río, que xa antes estrelara un balón ao pau, pero os vermellos pronto parecían levar o mesmo ao seu terreo e moi pronto lle daban a volta ao marcador e ao descanso xa poñían terra polo medio co 5-1 ante un Azkar B impotente ao ver como as súas ocasións non se materializaban.
No segundo periodo os castelán-leoneses xogaron cómodos co marcador a favor ante un filial do Azkar que buscaba recortar diferenzas para buscar a heroica pero que vía como a diferenza no marcador era case insalvable, máis cando aos catro minutos do reinicio o Zamora facía o 6-1. O gol de Miguel a 12 para a conclusión non serviría de revulsivo xa que pese a buscar a heroica con porteiro-xogador nos últimos cinco minutos, a escadra azul vería como Oli sentenciaba aínda máis o choque con dous goles nun minuto para establecer o definitivo 8-2.
Ficha técnica:
Zamora FS 8: Mañanes, Sergio Simón, Carlos Pintado, Rubén Cala e Oli, -cinco incial-, Ángel, Adrián, Chivu, Javi Cala, Velasco, Zeus e Jorge.
Azkar Lugo B 2: Nacho, Rubén Mouriz, Cristian, Asier e Javi Río, -cinco inicial-, Alexandre, Areñas, Porto, Tizón, Diego e Miguel.
Árbitros: Mesino González e Miguel Velasco (Segovia). Amonestaron con tarxeta amarela a Carlos (Zamora) e a Asier e Rubén Mouriz (Azkar B).
Incidencias: 20ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B. Pavillón Ángel Nieto.
Goles: 0-1 min. 2 Javi Río, 1-1 min. 5 Velasco, 2-1 min. 7 Carlos Pintado, 3-1 min. 8 Velasco, 4-1 min. 18 Velasco (dobre penalti), 5-1 min. 19 Velasco, 6-1 min. 24 Rubén Cala, 6-2 min. 28 Miguel, 7-2 min. 38 Oli e 8-2 min. 38 Oli.
O Azkar Lugo B recibe este sábado desde as 20:00 horas no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo ao O Esteo FS dentro da 21ª xornada de liga.











