O Auditorio de Ferrol abrirá as súas portas coincidindo coas Pepitas e o irmandamento con Mondoñedo
O alcalde da cidade naval, Jose Manuel Rey Varela, anunciou hoxe que a data oficial de apertura do Auditorio de Ferrol: será o sábado, día 15 de marzo. O novo equipamento cultural do municipio abrirá as súas portas por primeira vez para acoller un evento popular e singularmente ferrolán como son As Pepitas que, coinciden ademais, cos actos institucionais de irmandade entre Ferrol e Mondoñedo. O evento está previsto que comece ás 12.00 horas.
Así as cousas, o Auditorio de Ferrol será o mellor escenario para a primeira celebración das Pepitas coa distinción de Festa de Galicia de Interese Turístico. Os alcaldes de Ferrol e Mondoñedo, acompañados doutras autoridades, serán os encargados de saudar ás madriñas das rondallas e aos homenaxeados, que este ano son: o poeta Manuel Piñeiro (a título póstumo); e os rondallistas Emilio Cebral González, Juan Martínez Fernández, José Gago Pedreira e Francisco Piñeiro Couce. Un dos momentos máis agardados da conmemoración producirase cando as rondallas interpreten conxuntamente dende o escenario do Auditorio a canción “Ferrol, donde yo nací”.
Xa pola tarde, ás 17:45 horas, terá lugar a tradicional concentración de rondallas na praza de Armas. O festival da Noite das Pepitas dará comezo ás 20:00 horas na praza de Amboage e no mesmo actuarán ás rondallas Añoranzas, Bohemios, Sonidos del Alrba, Club de Campo, Infantil, Trovadores de Ares, Cariño, Lucero del Alba, Mugardesa e Marín.











