O Aldebarán-Intasa de San Sadurniño recibe este sábado ao F.C. Barcelona
Apunten estes datos: sábado 15, 19.30 horas, pavillón municipal. Son a data a hora e o lugar en que se van enfrontar o equipo local de volei e mailo F.C.Barcelona. O Aldebarán sairá á pista necesitado de gañar o partido para ir alonxándose do descenso directo na SM2. O equipo dirixido por Eloy Mahía só conseguiu un único punto no que vai de temporada e cada vez hai máis distancia co seguinte clasificado, o Náutico Boiro.
A desta fin de semana é a xornada 14 das 18 que compoñen a competición de prata do volei estatal. As cousas están así: o Aldebarán precisa gañar os case todos os partidos que lle quedan se quere pasarlle diante aos de Boiro, sempre que estes non puntúen no que falta de liga. E deben ser victorias folgadas, xa que deberán vencer tres encontros por 3-0 para empatar e só poderán perder un partido por 2 sets a 3 para ter un punto máis ca eles.
As cousas non pintan ben a estas alturas da competición, e por iso o San Sadurniño vai saír á pista co obxectivo de despregar toda a súa calidade. Ao outro lado da rede terá un equipo asequible, o F.C.Barcelona, que marcha sétimo na táboa con 15 puntos.
Ademais do xogo, o Aldebarán-Intasa quere ter ao seu favor o apoio do público. Por iso fan un chamamento para que as bancadas estean a tope, de maneira que a presión e o ánimo da afección tamén boten unha man de cara a obter unha victoria indispensable.











