O alcalde de Vigo salienta a “gran calidade” dos traballos presentados ao Concurso de Carteis da Reconquista

Caballero na mostra de carteis presentados a concurso
Cristóbal Aguiló foi designado gañador da oitava edición deste certame, que distinguiu con dos accésits os carteis dos vigueses Emilio García e Leticia Rodríguez. O alcalde subliñou hoxe luns o “altísimo nivel” de boa parte das 44 propostas gráficas presentadas, expostas na lonxa do Concello ata o 30 de marzo.
Os 44 carteis presentados ao concurso para elexir a imaxe da festa da Reconquista da vila de Vigo de 2014 están xa expostos na lonxa do Concello, un certame de “gran calidade” que eleva o nivel co paso das edicións, segundo explicou Caballero.
O alcalde de Vigo visitou esta mañá a mostra na lonxa, onde estarán dispostos os traballos ata a celebración da festa -do 28 ao 30 de marzo-, observando un “altísimo nivel” en dez ou quince dos carteis elaborados ao efecto. O xurado encargado de designar o gañador e dous accésits foi presidido por Carlos López Font, en calidade de concelleiro de Cultura, e integrado por dous membros da Asociación de Veciños do Casco Vello, o fotógrafo Ricardo Grobas, e Jaime González de Haz.











