O alcalde de Santiago recibiu á nova xunta directiva da delegación do Colexio de Enxeñeiros Industriais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Ángel Currás na reunión coa delegación de enxeñeiros

Ángel Currás na reunión coa delegación de enxeñeiros

O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu a Fernando Blanco Silva e Ernesto Rodríguez Blanco, recentemente elixidos delegado e subdelegado en Santiago do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. O obxectivo da visita era a presentación oficial da nova xunta directiva da Delegación e a posta a disposición do Concello da colaboración do Colexio en todas aquelas áreas técnicas para as que están capacitados os enxeñeiros industriais. Fernando Blanco explicou a Ángel Currás que o enxeñeiro industrial ten unha formación de carácter xeralista que o capacita para o exercicio profesional na práctica totalidade das áreas técnicas de todo tipo de empresas, tanto na resolución dos problemas técnicos formulados, coma no deseño e implantación de novas tecnoloxías no proceso produtivo. Esta formación permítelle cubrir áreas moi variadas: enerxía, mecánica, construción, fabricación, electricidade, electrónica, transporte e loxística, materiais, acústica, comunicacións, homologación e propiedade industrial, medio, organización da produción, certificación enerxética, xestión empresarial…

Neste sentido, o delegado sinalou que o enxeñeiro industrial xestiona o ciclo de vida completo de calquera actividade industrial, dende a idea inicial e redacción das bases dun proxecto ata a execución, dirección e control finais, pasando pola tramitación de todas as autorizacións e licenzas que sexan necesarias.

A nova Xunta Directiva da Delegación compostelá está composta por Fernando Blanco Silva (delegado e responsable de Enerxía e Sostibilidade da Universidade de Santiago); Andrés Figueiras Nogueira (subdelegado e que exerce a libre profesión de enxeñeiro industrial); e Ernesto Rodríguez Blanco (vogal e un dos maiores expertos en enerxía eólica en Galicia).

17 de febreiro de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.