O Alcalde de Narón valora positivamente a publicación do proxecto de acondicionamento da marxe dereita da ría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, expresou hoxe a súa satisfacción polo anuncio oficial da licitación dos traballos de acondicionamento do interceptor xeral da marxe dereita da ría de Ferrol (publicado no BOE de hoxe), no tramo comprendido entre O Cadaval e Neda, e que discorre polo municipio de Narón. “Trátase dunha boa nova, xa que con este último tramo se completará o saneamento integral da ría” declarou o rexedor, quen xa se interesou polo tema recentemente ante a ausencia de noticias por parte da administración central, promotora desta obra.

Así, José Manuel Blanco enviou unha carta o pasado día 3 de febreiro de 2014 dirixida á directora territorial de Augas das Cuencas de España S.A., Isabel Pérez-Espinosa, para interesarse polo proxecto unha vez esgotados os prazos para a súa redacción (estableceuse en dúas anualidades, correspondentes a 2012 e 2013). O Alcalde tamén solicitou a convocatoria da Comisión de Seguimento do Convenio (asinado en xuño de 2012) para a construción e explotación dos “Interceptores Xerais da Marxe Dereita da Ría de Ferrol”, para que se informe ós concellos do estado no que se atopan as obras, que deberán estar finalizadas antes do 31 de decembro de 2015.

O anuncio do proxecto publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) contempla os seguintes traballos:

-Construción do tanque de tormentas de Xuvia (dende o que se bombearán as augas residuais ó tanque de tormentas do Cadaval, por unha nova tubería de impulsión)

-Substitución do interceptor existente entre Neda e o tanque de tormentas de Xuvia polo novo colector xeral de Xuvia.

-Construción de dous novos colectores xerais entre O Cadaval e o tanque de tormentas de Xuvia.

-Construción do colector xeral de Piñeiros.

-Substitución da rede existente en dous puntos (nas proximidades do Regato de Pedregal e de Megasa) para captar os verquidos desa zona, e construir un novo colector que transporte as augas residuais ó novo colector xeral de Xuvia.

-Construción de novos colectores no Parque do Río Freixeiro (que se conectarán co tanque de tormentas do Cadaval, para evitar inundaciones e resolver os problemas de capacidade de desagüe da rede de saneamento na Estrada de Castela).

O orzamento base de licitación deste proxecto ascende a 11.096.977,42€ e inclúe a expropiación dos terreos afectados por esta actuación. O proxecto de “Acondicionamento do interceptor xeral da marxe dereita da ría de Ferrol. Tramo: Cadaval-Neda” poderá ser examinado dende hoxe e durante un prazo de 30 días hábiles, polas persoas que o desexen ó obxecto de formular alegacións.

17 de febreiro de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.