O alcalde de Ames analizará a situación sanitaria da localidade coa conselleira de Sanidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O alcalde de Ames, Santiago Amor, manterá unha reunión de traballo coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, co obxectivo de tratar a situación das infraestruturas sanitarias no municipio de Ames. Deste xeito, nun encontro solicitado polo rexedor amiense, abordarán o estado no que se atopa actualmente o centro de saúde do Milladoiro e as previsións para a posta en marcha dunha nova instalación neste núcleo de poboación que preste atención aos seus máis de 12.200 habitantes. Tamén se abordarán os problemas que presenta o Punto de Atención Continuada (PAC) de Bertamiráns, instalación cuxos custos de mantemento foron cedidos á Consellería de Sanidade en 2009 en virtude dun acordo plenario, mentres que naquel momento non se contemplou por parte do Goberno municipal a cesión das labores de mantemento do centro de saúde do Milladoiro.

Neste encontro, o rexedor prevé tratar coa titular do departamento autonómico os seguintes pasos a dar para dotar ao Milladoiro dun novo centro de saúde despois de que o Concello aprobase en sesión plenaria en 2013 o plan parcial do sector S-15, onde está situada unha parcela de máis de 8.000 metros cadrados para a ubicación desta nova instalación. Esa era a terceira vez que este asunto chegaba a pleno, xa que se trata dunha cuestión urbanística bloqueada desde 2009, ano no que o plan aprobado en 2007 polo Concello foi anulado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En 2011, aprobouse un novo plan parcial que tamén foi anulado.

O rexedor tamén ten previsto transmitirlle á conselleira de Sanidade as actuacións que está levando a cabo o Concello para o mantemento do centro de saúde do Milladoiro, tanto aquelas actuacións periódicas que realiza ao longo de todo o ano como as puntuais derivadas das inclemencias meteorolóxicas. Na reunión, o alcalde ten previsto informar das obras actuais e vindeiras que acometerá o Concello, así como abordar o calendario programado e os posibles financiamentos.

Nas últimas xornadas, incrementáronse as incidencias rexistradas nesta instalación sanitaria do Milladoiro debido ás condicións meteorolóxicas adversas rexistradas e aos seus efectos na cuberta semiplana do centro de saúde. De feito, operarios municipais estiveron toda a semana traballando no centro de saúde de cara a lograr unha solución provisional mentres non melloran as condicións meteorolóxicas e se poida actuar de xeito integral na cuberta da instalación. Na mañá do xoves actuouse sobre o sistema de desaugue da cuberta co obxectivo de mellorar a súa capacidade de evacuación e evitar as filtracións de auga.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, visitou esta semana o centro de saúde do Milladoiro acompañado da aparelladora municipal de cara a avaliar as medidas a tomar. Ademais, o rexedor amiense está en contacto co xerente da área sanitaria integrada de Santiago de Compostela do Servizo Galego de Saúde, Luis Verde, analizando ditas actuacións.

Deste xeito, o Concello de Ames está levando a cabo actuacións para evitar as molestias que se están a producir, xa que toda a cuberta do centro de saúde necesita dunha actuación integral que inclúe a súa impermeabilización. Con todo, estes traballos precisan dunhas condicións meteorolóxicas máis favorables.

14 de febreiro de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.