O Aguieira ratificou o seu liderado na Regata Porto de Aguete – Trofeo Setga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarín
A-
A+

Día magnífico de regatas o que tiveron este pasado sábado na ría de Pontevedra os participantes na segunda e definitiva etapa da I REGATA PORTO DE AGUETE – TROFEO SETGA que organizou o Real Club de Mar de Aguete  co patrocinio de SETGA, compañía internacional arraigada no mundo do deseño industrial e fortemente consolidada na edición e produción de elementos de iluminación pública, eficiencia enerxética e mobiliario urbano.

Ventos do suroeste que oscilaron sempre entre os 12 e 14 nós de intensidade e algún refacho de 18, con mar moi moderada fixeron que o percorrido montado polo comité de regatas dun pouco máis de 11 millas de distancia entre os puntos de Morrazán no centro da ría, Tambo ao fondo desta e Pelados fronte ao club, convertesen esta definitiva etapa nun percorrido moi técnico con tres cinguidas e dous popas moi axustadas. Saída igualmente moi equilibrada onde a BILLA perdeu toda opción ao saír prematuramente e perder entón case medio minuto en regresar.

Dominio en tempo real do MOFLETE II pero sen poder sacar a diferenza suficiente aos demais en tempo compensado, cuxa clasificación xeral lla levou novamente un sensacional AGUIEIRA I que demostraba desta forma que os seus últimos triunfos non están a ser por casualidade, senón fundamentalmente por unha conjuntada tripulación. Dobregou sen problemas a barcos que normalmente son superiores como ENXUTO ou o  YOUKOUNKOUN.  Na Clase 1, consecuentemente, volveu gañar o AGUIEIRA, seguido a máis de 4 minutos polo YOUKOUNKOUN e 8 minutos sobre o MOFLETE e SEBRALA. A Clase 2 foi igualmente para o ENXUTO que voaba nas popas e acertou nos bordos, seguido a 5 minutos pola BILLA e 13 minutos sobre PIKO NORTE. E na Clase 3, vitoria sen paliativos do SANTIAGO ROMA con 12 minutos de vantaxe sobre o SQÜID e 15 sobre o CAMARÓN 20.

Feito o cómputo das dúas probas, as xerais dos premiados quedaron da seguinte maneira,

CLASE 1)  

1º) AGUIEIRA I (Sun Odissey 40 – Celestino Campelo – RCM Aguete)  con 2 puntos

2º) YOUNKOUNKOUN (JOD 35 – Adolfo Castro – CN Portonovo) con 4 puntos 

3º) SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz – RCN Sanxenxo) con 7 puntos

4º) MOFLETE II (Centurion 47 – Antonio Díaz Lorente – CN Combarro) con 8 puntos

CLASE 2) 

1º) ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – Sausalito Yatch Club) con 2 puntos

2º) BILLA (First 27.7 – Francisco Freire _RCM. Aguete) con 4 puntos

3º)  PIKO NORTE (Bavaria 32 – José Manuel Castro – RCN Coruña) con 6 puntos

4º)  LIMAY (Bramador 34 – José Luís Smith – CN Beluso) con 8 puntos

5º)  QUEN VAI (RO 330 – Laureano Santiago –  RCN Sanxenxo) con 10 puntos

e CLASE 3)  

1º) SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 – Iñaki Carbajo-CN Beluso) con 2 puntos

2º) SQÜID  (First 235 – Francisco Lusquiños – CN Portonovo) con 4 puntos

3º) CAMARÓN 20 (Yatlant 24 – Alberto Pérez – CN Combarro) con 6 puntos

A Entrega de premios tivo lugar o propio sábado ás 9 da noite nas instalacións do Real Club de Mar de Aguete con asistencia de importantes autoridades como a Alcaldesa de Marín, María Ramallo; o Sub-director Xefe de Estudos da Escola Naval, Gonzalo Villar; o Xefe do Distrito Marítimo de Marín, Carlos Alonso; Iago González pola firma Setga e directivos do club entre outras.

24 de febreiro de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.