O Aguieira imponse na primeira proba da regata porto de Aguete – Trofeo Setga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarín
A-
A+

Duras condicións ás que se tiveron que enfrontar este pasado sábado os participantes na primeira proba do a I REGATA PORTO DE AGUETE – TROFEO SETGA que está a organizar o Real Club de Mar de Aguete  co patrocinio da compañía internacional SETGA, empresa de prestixio no mundo do deseño industrial e fortemente consolidada na edición e produción de elementos de iluminación pública, eficiencia enerxética e mobiliario urbano.

Vaticinábanse ventos moderados, como así o foron do Oeste e rolando cara ao Norte con medias de 14 nós que nos chuvascos chegaron a ter refachos de 25, así como algo de mar que en directo foi moito máis do previsto, sobre todo na primeira cinguida que tiveron os participantes cara ao centro da Ría na baliza de Morrazán. Incluso a baliza fondeada en Tambo desprazouse co forte mar durante a proba até o frontal dos peiraos de Marín, co cal os viandantes da cidade tiveron espectáculo gratuíto vendo virar os barcos por dúas veces fronte ao paseo.

Percorrido de case 12 millas por abóialas do interior da Ría e saída puntual ás 14 horas fronte ao castigado polos últimos temporais Porto de Aguete cunha regata moi esixente para os regatistas en todos os sentidos.

Na Clase 1, onde van os teoricamente máis grandes e rápidos, vitoria moi traballada do AGUIEIRA I (Sun Odissey 40 – Celestino Campelo – RCM Aguete) que foi o máis regular sempre entre os de cabeza e sen sufrir avarías como o resto dos da súa clase, pero non por iso menos meritoria, xa que finalmente impuxéronse tamén de forma absoluta entre todas as clases. Seguíronlle en tempo compensado a 14 minutos o YOUNKOUNKOUN (JOD 35 – Adolfo Castro – CN Portonovo) que foi de menos a máis a pesar de ter unha avaría no foque na mesma saída, e terceiro a máis dunha hora o SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz – RCN Sanxenxo) que virou de primeiro no primeiro barlovento e tivo a desgraza de romper driza de génova cando dominaba no longo en primeira posición, aguantando como puido desde aí até o final con gran decoro. E outro dos que ían entre os primeiros en real, o MOFLETE II (Centurion 47 – Antonio Díaz Lorente – CN Combarro) retirouse por rotura na driza cando quedaban escasos 400 metros para a chegada. 

Na clase 2 novamente o ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – Sausalito Yatch Club), impúxose con claridade aínda que xa non o puido facer de forma absoluta como na anterior. Seguíronlle a 17 minutos a  BILLA (First 27.7 – Francisco Freire _RCM. Aguete) que tivo boa saída pero logo o forte mar fíxoo sufrir, e terceiro a case media hora o PIKO NORTE (Bavaria 32 – José Manuel Castro – RCN Coruña) que segue adaptándose a esta Ría. Moito máis atrás xa o LIMAY e o QUEN VAI.

E por último na Clase 3, tamén con moitas baixas en plena saída que foi un dos momentos en que máis aumentou o vento e mar, impúxose moi ben o SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 – Iñaki Carbajo-CN Beluso), seguido a 4 minutos do SQÜID  (First 235 – Francisco Lusquiños – CN Portonovo), e xa a 13 minutos o CAMARÓN 20 (Yatlant 24 – Alberto Pérez – CN Combarro).

Pero como ocorre sempre no caso das regatas de soamente dúas etapas, como quen di a cara e cruz, novamente todo queda por decidir até a proba definitiva este próximo sábado día 22 tamén a partir das 14:00 e con entrega de  premios ese mesmo día nos salóns do RCM Aguete a partir das 21:00 horas.

17 de febreiro de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.