O adestrador do Rio Natura Monbus, na “Aula Formativa do Adestrador Galego”

O técnico axudante do Rio Natura Monbus, Gonzalo Rodríguez Palmeiro, impartirá este domingo 23 de febreiro a partir das 18.00 horas, unha charla coa temática “O Tiro: ampliar e rendibilizar espazos”, no Colexio Salesianos de Ourense.

Este proxecto didáctico común do Rio Natura Monbus e a Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) “Aula Formativa do Adestrador Galego” que comezou a tempada pasada, contará dentro do marco da “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”, coa sesión teórica do técnico do conxunto santiagués. 

Gonzalo Rodríguez será, nesta ocasión, o encargado de levar as rendas desta “aula formativa”, que versará sobre “O Tiro: ampliar e rendibilizar espazos”.  A intervención, servirá ademais como colofón final a un domingo repleto de actividades que terán entre os seus pratos principais unha charla coloquio ofrecida por Rubén Domínguez (psicólogo e adestrador de A.D. Cortegada en Liga Feminina 2), Fernando Romay (ex xogador), Miguel Anxo Pérez (Director Técnico do CGAB e árbitro internacional FIBA) e Leticia Fernández (responsable da área de Saúde da FEGABA).

Todos aqueles adestradores interesados en participar nesta Aula Formativa, deberán solicitar a súa inscrición enviando un correo electronico á dirección adestradores@fegaba.com, especificando o seu nome, apelidos e título da charla.

19 de febreiro de 2014 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.