Nova xuntanza de traballo en Cangas da mesa local de coordinación para a intervención en violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Hoxe celebrouse a segunda reunión da Mesa Local de Coordinación para a Intervención en Violencia de Xénero. A xuntanza, que tivo lugar ás 17.00 horas na Casa do Concello, foi presidida polo alcalde de Cangas José Enrique Sotelo Villar que estivo acompañado pola concelleira de Benestar Dolores Gallego, a concelleira de Seguridade María Luisa Prieto, o Xefe de Servizo do Centro de Saúde de Cangas Benigno Villoch ademais de representantes das forzas e corpos de seguridade e representantes dos distintos servizos municipais involucrados.

Na reunión procedeuse a aprobación da acta da sesión constitutiva celebrada o pasado 20 de novembro así como o borrador do regulamento da Mesa Local de Coordinación para a Intervención en Violencia de Xénero elaborado polo Centro Municipal de Información á Muller e a secretaria municipal. O documento recolle aspectos como os obxectivos, funcións, composición ou o modo de funcionamento establecendo que as xuntanzas deste organismo teñan caracter semestral así como as distintas liñas de traballos e recursos dispoñibles. Por outra banda fíxose unha valoración da situación actual deste fenómeno na vila e estudáronse futuras actuacións e iniciativas como a realización de charlas de concienciación nos centros escolares de cara ao próximo curso académico 2014/2015. 

Este órgano púxose en marcha o pasado ano co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles, a coordinación dos distintos departamentos implicados na atención multidisciplinar das mulleres vítimas da violencia de xénero ademais da aprobación de propostas de actuación conxunta entre os distintos servizos na atención de vítimas. Tamén está entre as súas finalidades o estudo da realidade da violencia machista no concello e a súa evolución  co fin de coñecer de primeira man as necesidades existentes e os cambios rexistrados como coordinar  as institucións implicadas na prevención e na loita contra esta lacra social.

Esta Mesa Local de Coordinación tamén actúa como foro para analizar as situacións de descoordinación entre os distintos ámbitos de traballo e acometer as súas melloras, para realizar un seguimento dos datos sobre este fenómeno no municipio así como para a elaboración de novas estratexias de sensibilización/prevención dirixidas a colectivos específicos e a poboación en xeral.

A concelleira de Benestar Social Dolores Gallego defendeu a utilidade destas xuntanzas “xa que nos permite coñecer mellor a realidade e mellorar a intervención dos distintos axentes no diferentes casos” afirmou. A edil tamén anunciou que con motivo da próxima celebración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo o Concello de Cangas vai a homenaxear o papel da muller no deporte.  Se o ano pasado esta celebración serviu de escusa para recoñecer o papel da muller no ámbito da cultura nesta edición o será o papel da muller no Deporte. “Imos a recoñecer o papel das mulleres pioneiras no mundo do deporte en Cangas, constituíndo os primeiros equipos federados femininos” afirmou Gallego, “non só as excelentes deportistas senón que tamén ás mulleres que fixeron importantes contribucións dende a xestión das propias entidades deportivas”rematou.

27 de febreiro de 2014 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.