Nova edición do premio Ricardo Carvalho Calero de investigación lingüística e creación literaria
O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, informou da próxima convocatoria do XX Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria, cuxas bases foron aprobadas esta mañá polos grupos municipais na comisión informativa da Área. García Hurtado indicou que o prazo para remitir ao Concello de Ferrol os traballos que opten ao certame será do 16 de abril ao 16 de xuño de 2014. A Sociedade Cultural Medulio ten a condición de entidade colaboradora na organización deste premio.
O edil de Cultura tamén indicou que a dotación do premio Ricardo Carvalho Calero, de carácter bianual, será de 3.700 euros para cada unha das dúas modalidades: a de investigación lingüística ou ensaio -entendendo o ensaio como xénero literario nas claves de xeración de discurso, debate e reflexión-; e o de creación literaria -narración curta-. Os exemplares presentados deberán ser inéditos e estar escritos en lingua galega. Segundo se recolle nas bases do concurso, os traballos presentados na categoría de creación literaria (narración curta) consistirán nunha narración curta ou nun conxunto de contos por autor, cun mínimo de 60 folios. No caso da modalidade de ensaio, deberán ter unha extensión mínima de 100 folios e máxima de 250 folios. De cada traballo se presentarán un documento informático e cinco copias impresas. Así mesmo, e noutro sobre, constarán os datos persoais e un currículum vitae breve.
Promoción e fomento cultural
Noutra orde de cousas, a comisión informativa da Área aprobou as bases que rexerán a convocatoria pública de subvencións para a promoción e fomento da cultura dende as asociacións culturais da cidade para o presente ano 2014. O importe global da convocatoria ascende a 45.000 euros, sendo cada unha das concesións dun máximo do 80% do gasto xustificado, ata un límite de 6.000 euros. As entidades culturais que cumpran os requisitos deberán presentar as súas solicitudes e a documentación requirida, nun prazo de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.
Ademais, tamén se ditaminou favorablemente a proposta de rectificación da denominación de subvencións nominativas da Concellería de Deportes que figuran no anexo do orzamento municipal do ano 2014. Ditas rectificacións afectan unicamente á descrición da subvención, pero non á súa natureza, importes nin beneficiarios.











