Negreira visita as novas instalacións do 010 e anuncia que o servizo será gratuíto

Negreira na visita ás instalacións
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá as novas instalacións do servizo de atención e información aos cidadáns (Teléfono 010), situadas nas Lagoas nun edificio de titularidade municipal, o que permite un aforro de 52.647 euros ao ano, o prezo correspondente ao aluguer das antigas oficinas. O alcalde tamén anunciou que a partir do 15 de marzo as chamadas a este servizo serán gratuítas para os cidadáns, custo que será asumido pola compañía telefónica integramente.
Carlos Negreira destacou que as novas instalacións ofrecen unhas “mellores condicións” para a cobertura do servizo do 010, á vez que permite “aforrar o aluguer” despois de realizar o seu traslado a un edificio municipal nas Lagoas. “É un dos servizos municipais máis valorados polos cidadáns. Na última enquisa, máis do 98% estima que o servizo é bo ou moi bo”, afirmou o alcalde sobre o servizo 010, que atendeu o ano pasado case 460.000 chamadas, unha media de 1.500 durante os días en funcionamento (de luns a venres, de 08.00 a 20.30 horas; e os sábados, de 09.00 a 14.00 horas).
Carlos Negreira anunciou que a partir do 15 de marzo o teléfono 010 será gratuíto para os usuarios. A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información estableceu en 2013 tres modalidades de prezos: dous delas con custo para o cidadán e unha terceira opción sen custo algún para o usuario. O alcalde explicou que o Concello optou por esta última modalidade, grazas a un acordo alcanzado con R para que o servizo non supoña custo algún para os cidadáns, nin tampouco para a administración (as chamadas ao 010 custaban de media aos usuarios un total de 43.000 euros ao ano).
“Converter estas chamadas en gratuítas abundará nunha mellor relación entre cidadáns e administración e lograr un servizo mellor e máis accesible. Entendemos que é un servizo de interese e especialmente valorado polos cidadáns”, sinalou Negreira. A última enquisa sobre a calidade do 010 entre os usuarios ratificou o elevado grao de satisfacción existente con este servizo:
– O 98,6% considera que o 010 é un servizo útil e recomendaríao aos seus coñecidos.
– O grao de satisfacción elévase a 8,49 puntos sobre 10; e 7 de cada 10 enquisados considérano mellor ou moito mellor do que esperaban.
– O 73,4% dos enquisados coñece o número de atención 010, o que supón un 4,3% máis que en 2011 e case un 15% si compárase con 2010.
– O mellor valorado é o trato recibido, a capacidade da información e a duración da chamada, aínda que en todos os parámetros supéranse o catro puntos -a puntuación máxima é cinco-.











