Negreira cifra nun millón de euros os danos causados polos temporais da última semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, cifrou en torno ao millón de euros os danos causados polos temporais que azoutaron a cidade nos últimos días e aclara que, aínda que o paseo resultou bastante afectado “dentro do que cabe resistiu moi ben si comparámolo con outras cidades como San Sebastián ou Xixón”.

O alcalde matizou que os danos que afectan o mobiliario urbano do paseo e ás súas infraestruturas supoñen uns 450.000 euros aos que habería que sumar outros danos como os de Punta Herminia ou a zona de Adormideras e Orillamar, co que a cifra podería roldar o millón de euros. Os danos máis destacados no paseo marítimo han afectado á balaustrada na zona entre As Escravas e A Coraza e na zona de Veramar; ademais do mobiliario urbano: bancos, farois, papeleiras, duchas, carteis, e, mesmo, o pavimento dalgunha zona.

Negreira destacou o labor dos servizos de emerxencias e seguridade da cidade que, desde o 15 de decembro, participaron en máis dunha vintena de dispositivos, así como dos distintos servizos municipais que, con motivo dos danos do temporal, están a facer un esforzo especial por retirar materiais afectados e manter limpas as zonas afectadas. “Levamos desde o 15 de decembro con varios dispositivos nos que participan un mínimo de 60 persoas entre efectivos da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil aos que quero agradecer o seu esforzo”, explicou e, como exemplo da situación que vive a cidade informou de que, mentres un día normal rexístranse 1 ou 2 incidencias na cidade, onte, por culpa do vento, houbo até 69 intervencións que afectaron a tellados, fachadas, mobiliario urbano e coches, entre outras.

COLONIAS FELINAS

Por outra banda, o alcalde da Coruña avanzou que o Concello de
A Coruña está a traballar con Gatocán nun acordo para realizar varias experiencias piloto co obxectivo de establecer 3 colonias felinas controladas na cidade, en concreto, nas zonas de Oza, o dique de abrigo e o castelo de San Antón.

Neste sentido, Negreira explicou que o Goberno local leva tempo traballando neste tipo de iniciativas en contacto con distintas asociacións protectoras da cidade: “Onte mesmo a Concellaría de Medio Ambiente informou a Libera sobre as políticas do Goberno local nesta materia”, sinalou e engadiu que o Concello busca a convivencia entre os veciños e os animais sen que supoña un perigo para a saúde das persoas. “Desde o Concello investimos todo o noso esforzo en manter a situación controlada e dar un trato adecuado aos gatos”, finalizou.

7 de febreiro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.