Negreira anuncia a creación dun grupo de traballo para organizar o próximo Fórum Gastronómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou hoxe a posta en marcha dun grupo de traballo que comezará a organizar a próxima edición do Fórum Gastronómico co obxectivo de que a gastronomía se converta en “unha punta de lanza que permita mostrar a cociña galega, unha das mellores do mundo”, sinalou. Negreira realizou este anuncio tras a reunión mantida co presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo; o presidente de HOSPECO, Francisco Canabal; o presidente da Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete; e unha representación de cociñeiros participantes no Fórum Cidade, encabezados por Luís Veira: “Si entre todos, administración e hostaleiros, somos capaces de continuar con esta unión e este traballo conxunto, marcaremos un antes e un despois no sector turístico”, asegurou o alcalde.

Carlos Negreira, quen explicou que o Fórum Gastronómico organizouse no tempo marca de tres meses e medio tras apostar por este evento para que non se marchase de Galicia, sinalou que foi un éxito e que, no caso do Fórum Cidade, batéronse marcas tanto en número de participantes, como de accións, de negocios implicados e de duración. “Nesta primeira reunión de traballo analizamos todos os puntos positivos, pero tamén problemas que nos atopamos co fin de mellorar a organización e de que teñamos Fórum para moitos anos”.

O alcalde asegurou que este evento é un escaparate da cociña galega e unha oportunidade para seguir promocionando a cidade e a comunidade: “Temos os mellores produtos pero tamén grandes profesionais que son os ídolos de mozos coruñeses e galegos que están a comezar na profesión e cuxo exemplo lles anima a continuar”.

Por último, o alcalde subliñou que a gastronomía forma parte dun conxunto de accións que se están desenvolvendo no campo turístico co obxectivo de aproveitar as potencialidades da cidade para sacar partido a “este importante xacemento de emprego”. Neste sentido, lembrou que os bos datos de visitantes do 2013 “non son froito da casualidade”.

Diego Calvo, pola súa banda, valorou a implicación de todo o sector neste evento e incidiu en que se cumpriron os dous obxectivos marcados: situar a Galicia como referente gastronómico mundial e conseguir un importante retorno. Tanto Luís Veira como Francisco Canabal cualificaron o Fórum gastronómico de éxito e coincidiron en sinalar que hai que traballar na próxima edición para tratar de seguir mellorando o evento. Finalmente, Héctor Cañete anunciou que unha das próximas accións conxuntas que se van a presentar será a nova Escola de Hostalaría, que se inaugurará a mediados de marzo.

27 de febreiro de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.