Neda aborda a loita contra os hurtos de cable nunha Xunta de Seguridade coa presenza do subdelegado do goberno na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e o Alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, copresidiron esta mañá unha nova reunión da Xunta Local de Seguridade. Reunión celebrada na casa consistorial para analizar diversos temas como a loita contra os hurtos de cable de cobre no alumeado público, así como avaliar as medidas preventivas para ampliar a seguridade das persoas maiores. Nela tamén participaron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez; o comandante Xefe da Garda Civil da Coruña, Benedicto González, acompañado polo comandante do posto de Fene, José Luis Fernández; o concelleiro de Seguridade de Neda, José Manuel Gradaílle; o xefe da Policía Local, José Ramón Seijo, e o inspector da Policía Autonómica, Javier Teijido.

Ao seu remate, o Subdelegado sinalou que, atendendo aos datos estadísticos sobre feitos delictivos no termo municipal, Neda mantense en marxes razoables e, incluso, apuntou a un descenso neste tipo de actos no 2013 respecto ao ano anterior. Unha tendencia que se mantén neste arranque de ano, segundo engadiu. Jorge Atán, preguntado polo roubo perpetrado hai unhas semanas nunha entidade financiera da localidade, asegurou que se trata dun feito completamente illado que segue o seu trámite coa investigación xudicial en curso. E, neste sentido, lembrou que as entidades financieras teñen a obriga legal de adoptar unha serie de medidas de seguridade propias, contempladas na Lei de Seguridade Cidadá.

En relación aos roubos de cobre, o Subdelegado recordou que non é unha tipoloxía exclusiva de Neda, senón que estas accións delictivas estivéronse a producir en distintos concellos de Galicia e de toda España. E así se está a tratar por parte das Forzas e Corpos de Seguridade, cun plan específico estatal que contempla controis a establecementos de compravenda do material sustraído. Controis que, engadiu o Alcalde, confía que dean bos resultados a curto prazo. Neste senso, Ignacio Cabezón lembrou tamén os graves perxuízos económicos que estes roubos están a reportar ao Concello: uns 25.000 euros ata o momento. Por iso, avanzou a intención do goberno municipal de restituír o cable de cobre roubado por outro de aluminio, sen valor neste tipo de mercado fraudulento.

Así mesmo, o Alcalde incidiu moi especialmente na súa preocupación pola seguridade das persoas maiores e, especialmente, por aquelas que viven soas. Un censo que en Neda integran 600 persoas. Neste senso, lembrou que a partir desta mesma semana iniciará unha serie de visitas, xunto co concelleiro de Seguridade e axentes da Policía Local, vivenda por vivenda para informar aos veciños e veciñas dos riscos que constitúen unha maior ameaza para a súa seguridade e das medidas que poden adoptar para previlos ou atallalos. Consellos que, fundamentalmente, se circunscriben ao ámbito do fogar. Unha medida, engadiu o subdelegado Goberno, que acompaña ás charlas que Garda Civil e Policía Local imparten periódicamente en asociacións e espazos públicos no marco do Programa Maior Seguridade. Precisamente, este mes están programadas tres sesións (os días 17 e 26 na Casilla do Puntal e, o 20, no local da AVV de Anca. Todas ás 18 horas, con entrada libre). Ao respecto, Subdelegado e Alcalde coincidiron na importancia da colaboración cidadá, na importancia de que a veciñanza denuncie calquer feito delictivo ou sospeitoso. Unha colaboración que, en moitos casos, resulta clave para esclarecer os feitos.

Por último, Jorge Atán e Ignacio Cabezón apostaron por reforzar a colaboración e intercambio de información entre Garda Civil e Policía Local para dar unha resposta efectiva e eficaz á cidadanía.

10 de febreiro de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.