Nava Castro reúnese coa asociación ‘I Cammini di Francesco’ para determinar as accións conmemorativas da peregrinación de Asís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Nava Castro na reunión con  ‘I Cammini di Francesco’

Nava Castro na reunión con ‘I Cammini di Francesco’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela recibiron en Santiago de Compostela ao presidente honorario da Asociación I Cammini di Francesco, Monseñor Agostino Marchetto; ao secretario xeral da asociación Fabrizio Nevola e mais o presidente da mesma Giorgio Piccirillo no marco dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. No encontro estiveron acompañados tamén polo deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez.

A Asociación I Cammini di Francesco ten por obxectivo difundir o legado artístico e cultural asociado á figura de San Francisco de Asís, así como obter a declaración de Itinerario Cultural Europeo para o Camiño de San Francisco. Polo de agora, só dous itinerarios de peregrinación contan con este recoñecemento: O Camiño de Santiago e a Vía Francigena.

A asociación realiza accións encamiñadas a promoción do Camiño de Francesco ao tempo que traballa pola conservación dos lugares artísticos e de culto ligados á tradición franciscana, polo estudo e recuperación dos mesmos e pola promoción da cultura e a arte vinculada ao turismo relixioso.

Os responsables da Asociación I Cammini di Francesco mantiveron un encontro de traballo coa directora de Turismo de Galicia e mais co xerente do Xacobeo, e posteriormente realizaron unha visita polo casco histórico do Compostela así como á Catedral de Santiago.

No marco das accións incluídas nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o alcalde de Rieti, Simone Petrangeli asinaron en outubro de 2013 un acordo no que se establecen accións colaborativas entre ambas administracións. Unha delas é a difusión conxunta do Camiño de Santiago e mais do Camiño de Francisco. O Camiño de Francisco parte de Rimini-San Leo e chega a Roma atravesando lugares e puntos de interese relacionados coa vida e a historia de San Francisco de Asís.

As cidades incluídas neste percorrido son Rimini, Verrucchio, San Leo Novafeltria, Sant’Agata Feltria, Pennabilli, Casteldelci, Verghereto, Chiusi della Verna, Pieve Santo Stefano, Subbiano, Sansepolcro, Anghiari, Citerna, Città di Castello, Pietralunga, Gubbio, Niccone, Umbertide, Cortona, Passignano sul Trasimeno, Valfabbrica, Perugia, Assisi, Foligno, Trevi, Spoleto, Terni, Narni, Poggio, Bustone, Greccio, Rieti, Civita Castellana, Vicovaro, Subiaco, Zagarolo e Roma.

Rieti é un dos enclaves situados nesta ruta que discorre pola rexión italiana central e que se caracteriza pola presenza de cidades, vilas e lugares onde a relixión, a cultura, a arte e a historia están influídas polo paso ou a presenza da figura de San Francisco de Asís. Con motivo da conmemoración do VIII Centenario da peregrinación do santo a Compostela, o Comune di Rieti foi a entidade prestadora de 3 Beléns orixinarios do Santuario Francesco del Presepe di Greccio para a exposición organizada por Turismo de Galicia a través do Xacobeo San Francisco e o Belén, que se celebrou ata o 2 de febreiro deste mesmo ano en Compostela e que rexistrou máis de 28.000 visitantes nas súas tres sedes.

A cidade de Rieti atópase no centro de Italia e conserva santuarios franciscanos, entre os que destaca o Santuario Francescano de Presepe, o lugar onde se representou o primeiro nacemento vivinte e que está irmandado con Belén, en Palestina.

San Francisco de Asís, fundador da Orde Franciscana, foi o iniciador dos nacementos entre os anos 1200 e 1226. Na ermida de Greccio foi onde tivo a inspiración de reproducir en vivo o misterio do nacemento de Xesús.

27 de febreiro de 2014 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.