publicidade hoxe

Nava Castro incide no Grove sobre a potencialidade do sector turístico para xerar imaxe do destino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Grove
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu esta tarde no Grove nas xornadas técnicas que contaron coa intervención do alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García e mais do experto turístico Domènec Biosca e que estiveron dirixidas ao sector turístico da zona.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o turismo representa o 10,6% do noso produto interior bruto e ten unha vantaxe sobre outros sectores económicos que é a súa capacidade para xerar imaxe e factores de atracción para outros sectores empresariais. Ademais resaltou a capacidade do sector turístico para reequilibrar o territorio e para achegar cohesión social e desenvolvemento.

A directora de Turismo de Galicia explicou as liñas xerais do Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016, un plan caracterizado polo consenso co sector e mais pola colaboración interadministrativa.

Nava Castro incidiu en que este documento, que será a folla de ruta do turismo galego de cara a 2016, concreta como retos o posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial a nivel interno, nacional e internacional; a consolidación de Galicia como destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e desestacionalizadora; Galicia como modelo europeo de turismo sostible e a consolidación do sector turístico galego como un sector competitivo, proactivo, innovador e coordinado, con visión internacional.

Explicou tamén que o plan se divide en liñas estratéxicas, que son as claves para desenvolver accións específicas e que se centran no Camiño como eixo vertebrador das novas alternativas do turismo e como modelo demostrador nacional, na oferta turística baseada no patrimonio e os recursos endóxenos, na sustentabilidade, na formación, nas novas tecnoloxías, na promoción e comercialización, así como no consenso e na cooperación interadministrativa e público-privada.

Ao tempo, incidiu na potencialidade do Plan para actuar como panca de desenvolvemento do sector tendo en conta os criterios de innovación, diferenciación e participación.

As fortalezas do destino e a necesidade de posicionar Galicia como marca e destino diferencial; así como a consolidación como destino multiexperiencial e a potenciación da oferta segmentada e desestacionalizadora foron aspectos que tamén abordou a directora de Turismo de Galicia na súa intervención.

Segundo explicou, “cómpre aproveitar o que temos de único e singular e poñer en valor a autenticidade do noso destino, ao tempo que estamos atentos á demanda dos turistas”.

11 de febreiro de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.