Música, premios e animación para festexar o Entroido en Ribadumia
O Concello de Ribadumia celebrará este ano o Entroido cunha programación para nenos e maiores. Ao festival de entroido infantil que ten lugar o luns 3 de marzo en Barrantes, súmase o Enterro da Galiña que se celebra o sábado 8.
O festival infantil celebrarase o luns 3 de marzo a partir das 17.00 horas no Centro Social de Barrantes, onde se entregaran premios entre os asistentes. Tamén haberá un Concurso de disfraces no que se valorará a creatividade, a elaboración propia, o traballo artesanal e o emprego de materiais de refugallo nos deseños. Os premios na categoría individual serán de 30 euros para menores de 5 anos, de 6 a 9 anos e de 10 a 16 anos. No que respecta ás parellas, o premio serán 60 euros para cada tramo de idade. E en grupos, haberá un premio de 120 euros para os que estean formados por entre 3 e 5 nenos, e de 200 euros para os grupos de máis de cinco rapaces. Ademais dos premios, durante o baile tamén se sortearán dúas bicicletas e vales de compra para o comercio local.
A concelleira Susana Fandiño anima a todos os nenos do concello a participar neste concurso, “é unha tarde para disfrutar cos amigos, disfrazarse e pasalo ben. Desde o Concello de Ribadumia poñeremos todos os ingredientes para garantir que nenos e maiores disfruten o luns do entroido na Carballeira de Barrantes”.
Enterro da Galiña
O sábado día 8 terá lugar o Enterro da Galiña, que organiza a Asociación de Veciños de Barrantes coa colaboración do Concello de Ribadumia e da Asociación de Comerciantes de Ribadumia. A saída será ás 19.00 horas desde o Centro Social de Barrantes, e a comitiva percorrerá as rúas de Barrantes acompañando á “Nosa Querida Galiña” ata chegar á Casa do Concello, onde se lle dará lectura das últimas vontades e renderlle os honores que se merece.
Ás 20.00 horas darase lectura ao Pregón do Entroido 2014 e a continuación o concurso e desfile de disfraces. Os premios este ano serán en vales de compra para consumir no pequeno comercio adherido a Asociación de Comerciantes de Ribadumia, procurando así dinamizar os negocios locais. Na categoría individual o premio será de 100 euros en vales de compra, para a parella gañadora haberá 200 euros tamén en vales, mentres que o grupo repartirá un total de 300 euros para gastar no comercio local de Ribadumia.
Ás 21.00 horas volverase ao Centro Social de Barrantes para dar sepultura á Defunta Galiña, acompañados pola Agrupación Músico Cultural de Ribadumia. A velada continuará cun baile con música en directo do Duo Musical Azabache.











