Mos xa conta cunha Ordenanza de Tráfico adaptada ás peculiaridades dos seus viais
No Pleno ordinario do mes de febreiro da Corporación Municipal mosense que se celebrou esta tarde no Pazo de Mos aprobouse inicialmente a Ordenanza Municipal Reguladora de Circulación e Tráfico do Concello de Mos elaborada a partir da proposta técnica presentada pola Policía Local.
A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez, coinciden en salientar que “a aprobación desta Ordenanza ven a reforzar os textos articulados tanto do Regulamento Xeral de Vehículos coma do Regulamento Xeral de Condutores, así como do Regulamento Xeral de Circulación; e adaptalos á realidade actual e ás peculiaridades existentes no municipio de Mos, tanto no eido paboacional como residencial”. Deste xeito, gracias á existencia desta nova Ordenaza de Tráfico, adáptase a normativa local ás características dunha sociedade como a mosense, en constante cambio.
Os aspectos a regular pola Ordenaza son moi heteroxéneos e trátanse de puntos que non aparecen específicamente regulados nos textos legais articulados. Algúns dos aspectos específicos que regula a Ordenanza de Mos son: o uso do dominio público en materia de publicidade e acumulación de materiais nas beiravías e no que respecta á seguridade viaria dos mosenses, o estacionamento de motocicletas e ciclomotores nas beirarrúas do termo municipal, o estacionamento e circulación dos vehículos pesados nas vías municipais, a función dos axentes da Policía Local en situacións de extrema necesidade de emerxencia, o estacionamento de autocaravanas, caravanas e outros tipos de vehículos vivenda, o uso axeitado das vías de comunicación no que se refire a limpeza e/ou reparación de vehículos na vía pública, derramamento de substancias ou partículas deslizantes na calzada, etc.; e a autorización de probas deportivas, instalación de colectores contenedores e outros usos das vías públicas.
Esta nova Ordenanza representa un importante avance para a localidade mosense en materia de seguridade viaria e circulación, posto que carecía dunha Ordenanza Municipal de Tráfico que ordenase o tránsito rodado nas vías urbanas de titularidade municipal e tivese en consideración as circunstancias especiais do Concello tales coma a dispersión poboacional, intensidade de circulación de vehículos, gran implantación industrial, etc.
A administración local mosense considerou necesaria a regulación mediante Ordenanza Municipal dos usos das vías urbanas e do seu contorno, facendo compatible a equitativa distribución dos aparcadoiros entre todos os usuarios coa necesaria fluidez do tráfico rodado e co uso peonil das rúas, así coma o establecemento de medidas de estacionamento limitado, co fin de garantir a rotación dos aparcadoiros, prestando especial atención ás zonas comerciais e ás necesidades das persoas con discapacidade física que teñen reducida a súa mobilidade e que empregan vehículos, coa finalidade de favorecer a súa integración social.
Por último, a nova Ordenanza mosense de Tráfico contempla e aborda tamén as retiradas e/ou inmobilizacións de vehículos na vía, os peches de rúas e cambios de sentido e dirección, restriccións e limitacións de aparcamento, paradas e itinerarios de transporte urbán e interurbán, e as zonas de carga e descarga e peonís.
Memoria policial 2013
Ademais de facer o estudio técnico para a elaboración da nova Ordenanza Municipal de Tráfico, a Policía Local de Mos acaba de presentar a súa memoria de actividades do pasado ano 2013. En dita memoria, o Corpo de Seguridade mosense recompila e resume de forma detallada as heteroxéneas intervencións realizadas polos axentes locais.
A memoria destaca especialmente que durante o 2013 afianzouse definitivamente a educación viaria nos centros docentes de Educación Primaria e Secundaria do Concello de Mos, nos que recibiron formación deste tipo por parte da Policía Local un total de 1.617 escolares con idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos.
A Policía Local de Mos colaborou tamén estreitamente coa Xefatura Provincial de Tráfico, Garda Civil, Protección Civil e outros organismos públicos e privados, sempre perseguindo o fin de facilitar a maior cobertura e resolución das demandas veciñais.
Deste informe cómpre destacar cifras coma as 322 intervencións de disciplina: 163 urbanísticas e 159 medioambientais, 57 asistencias a atestados de tráfico, 17 tramitacións de retirada de vehículos abandoados, 10 xestións de licenzas de armas de uso recreativo e 5 inmobilizacións e precintos de vehículos. Aínda que estas tan só son unhas poucas mostras de todas as actividades realizadas a diario pola Policía Local de Mos que durante o ano pasado tamén tivo unha importante actuación en diversos delitos e faltas.











