Monforte elixe aos deportistas e clubs monfortinos máis destacados no ano 2013
A concellería de Deportes do concello de Monforte pón en marcha a segunda edición do concurso para elixir ós/ás atletas e clubs máis destacados do ano 2013.
O primeiro paso foi a celebración dunha reunión entre o técnico municipal de Deportes, Óscar Rodríguez, o asesor da concellería de Deportes, José Antonio Díaz, e responsables de diferentes clubs e asociacións deportivas de Monforte. A reunión tivo como finalidade avaliar as bases que rexerán o concurso, así como recoller opinións e valoracións que axudasen a melloralas.
O segundo paso foi a aprobación definitiva das bases por parte da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado día 7 de febreiro. Estas bases xa incorporaban as suxestións recollidas na reunión mantida con responsables dos clubs deportivos de Monforte.
Fundamentalmente, a novidade máis salientable desta segunda convocatoria dos premios é a incorporación dunha nova categoría: a de mellor atleta promesa, tanto masculino coma feminina.
As bases definitivas, que se adxuntan a esta información, recollen, entre outras, as seguintes cuestións:
As categorías que se establecen son as seguintes:
-Mellor deportista, masculino e feminino, do 2013.
-Mellor deportista promesa, masculino e feminino, do 2013.
-Entidade Deportiva ou club máis distinguido en canto á promoción do deporte.
-Premio á deportividade.
A presentación de candidaturas deberá ser feita por parte do club ou entidade deportiva, nas catro categorías. No caso de que un atleta individual compita de xeito independente, será este o que presente a solicitude.
As solicitudes de inscrición deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello, sendo o derradeiro día para presentalas o 28 de febreiro ás 14:00 h.
As solicitudes deberán conter obrigatoriamente a seguinte documentación:
-Instancia de solicitude asinada polo interesado.
-No caso de optar ó premio de mellor deportista, relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2013 en campionatos oficiais, indicando con claridade tódolos datos da competición (denominación, datas, categoría, etc.)
-No caso de clubs e entidades deportivas que opten ó premio á promoción do deporte deberase facer unha exposición de motivos na que consten as razóns polas que deberían ser considerados como a entidade deportiva máis distinguida en canto á promoción do deporte.
-Para participar na categoría de xesto deportivo deberase entregar unha memoria explicativa do xesto deportivo realizado.
Unha vez finalizado o prazo de solicitudes farase pública a listaxe das candidaturas que optan á elección.
Os vencedores de cada categoría daranse a coñecer na “Gala do Deporte Monfortino”
En cada unha das categorías haberá un único vencedor.











